O vindeiro xoves 19 de xullo ás 18:30 h terá lugar a quinta xeira de verán polo concello de Tomiño, Arquitectura militar histórica. Fortalezas dentro do programa das xeiras de verán 2018 do IEM, e coa colaboración deste concello, que será guiada por Antonio Soliño Troncoso.
O lugar foi considerado estratéxico dende o medievo e consecuentemente controlado por diversos señoríos e as distintas monarquías.
En Goián levantouse a Torre dos Correa no século XIV, con xurisdición sobre a desaparecida Vila da Barca, inmediata a ela e ao río ata que se trasladou despois da guerra do XVII para o lugar que agora ocupa a parroquial na parte alta.
O nome víñalle da embarcación utilizada para cruzar o río. Tamén en 1321 D. Denis, o rei poeta, concede foro a Vila Nova de Cerveira e fortifícaa. Tempo máis tarde, no XVII, durante a Guerra de Restauración, o exército portugués constrúe un complexo sistema militar, que recolle as innovacións incorporadas no trazado e fundación de fortalezas para contrarrestar os avances da balística, con base en Vila Nova e cabeza en Goián, unidas por unha ponte de barcas, ata que asinada a Paz de Lisboa, en 1668, a coroa española ordena levantar unha fortaleza pétrea de catro baluartes, a actual de San Lourenzo, como contrapunto ás edificacións militares do lado portugués presididas polo antigo castelo gótico.
Ao longo da xeira teremos ocasión de ver e comentar o Pazo-Torre dos Correa, o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén falaremos da Atalaia do Espírito Santo, do Forte de Lobelhe, do Facho, do Forte das Chagas e do Castelo de Medos intentando contextualizalos no seu tempo. Farémolo durante as tres horas que nos levará percorrer os 3,4 Km. dunha xeira circular de baixa dificultade. O punto de encontro é o Pazo-Torre dos Correa. Todo o traxecto será acompañado de intérprete de lingua de signos.



