A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario na súa web no que alerta sobre a presenza do mildiu nas viñas, favorecido pola climatoloxía de tipo tormentoso e inestable dos últimos días, e no que recomenda a aplicación de tratamentos contra esta patoloxía.
Deste xeito, nas revisións efectuadas pola EFA constatouse a aparición das primeiras manchas nas parcelas de seguimento que aínda non tiñan manifestado a enfermidade, e tamén naquelas onde xa se aplicara o primeiro tratamento e noutras de diferentes variedades, onde a situación era a mesma. A responsable dos avisos sanitarios, Rosa Pérez Otero, subliñou que en ningún caso se atoparon síntomas en acio e as manchas eran moi recentes, con frutificación apenas iniciándose, salvo nas zonas de avance a partir de manchas antigas. Ademais, outros técnicos e viticultores da práctica totalidade de comarcas informaron a Areeiro desta mesma circunstancia. Por esta razón, e debido tamén a que as previsións meteorolóxicas seguen a anunciar tempo inestable a partir da fin de semana, a EFA recomenda aplicar un novo tratamento antes de que se produzan novas choivas, salvo que xa se aplicara nestes días e que na revisión das viñas se poida comprobar que non aparecen novos síntomas nin zonas de avance nos antigos.
O centro dependente da Deputación de Pontevedra suxire tamén incrementar a vixilancia sobre outras patoloxías da viña propiciadas pola humidade
Pérez Otero engade que nas xornadas seguintes á aplicación é preciso revisar as viñas, especialmente se esta se realizou con algo de vento, con humidade nas follas, ou se choveu ao pouco de finalizala. En todos os casos, recoméndase extremar a vixilancia.
Doutra banda, o aviso fitosanitario refírese tamén ao oídio das viñas. Areeiro lembra que as condicións climatolóxicas destes días son relativamente favorables a este patóxeno, pero segundo a tendencia dos últimos anos en xeral é cedo para que aparezan os primeiros síntomas. Aínda así, aconséllase incrementar a vixilancia.
No caso do black-rot, esta semana notouse un incremento na presenza de síntomas nas plantas da viña abandonada do Condado onde se detectara e tamén aumentou o número de parcelas con algunha pequena mancha. Por esta razón, a responsable dos avisos da EFA suxire manter a vixilancia e, nas viñas con historial desta enfermidade, elixir materias activas con efecto tamén fronte a este patóxeno, pero dando prioridade a aquelas que teñan efecto curativo fronte ao mildiu.
No que atinxe á botrite, non apareceron apenas síntomas desta enfermidade nas viñas revisadas, aínda que coa previsión de choivas de cara á fin de semana, Areeiro recomenda incrementar novamente a vixilancia.
Doutra banda, a EFA destacou o incremento de caracois e babosas, que están a deixar algunhas follas moi afectadas. Nas plantas adultas estes animais non deberían causar maiores problemas, pero en plantacións novas, se a presenza de danos é alarmante, os viticultores poden aplicar no solo algún produto autorizado en viña a base de fosfato férrico ou metaldehído, as dúas únicas materias activas que para estas pragas aparecen no Rexistro de Productos Fitosanitarios do Ministerio.
Hai que lembrar que mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, a EFA reduce os percorridos polos cultivos da provincia fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia Estación Fitopatolóxica, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos. Mañá, día 23 de abril, a EFA ten previsto publicar un novo aviso relativo a outros cultivos.



