spot_img
InicioPontevedra e ÁreaAreeiro advirte da elevada sensibilidade das viñas ao mildio no inicio da...

Areeiro advirte da elevada sensibilidade das viñas ao mildio no inicio da floración

ruta-do-vino-recibiu-190-000-euros-de-fondos-publicos-en-tres-anos-sen-apenas-retorno-para-as-adegas-e-perdendo-posicions-no-ranking-de-visitasEstación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, advirte no seu último aviso fitosanitario da elevada sensibilidade das viñas ao mildio no momento da floración que se vai iniciar en breve de xeito xeralizado.

O persoal técnico insta a aplicar tratamento, alternando materias activas diferentes, o antes posible aproveitando os claros entre os momentos de chuvia. Tamén advirten da necesidade de adoptar medidas culturais preventivas, sobre todo controlando a vexetación acompañante.

A técnica Rosa Pérez destaca que a fenoloxía da viña non avanzou substancialmente dado a que as temperaturas non foron máis suaves, a pesares de que xa comezan observarse acios de Albariño iniciando a floración de xeito moi esporádico. Advirte de que sexa cal sexa a situación nestes momentos de prefloración e de elevada sensibilidade da planta ás infeccións é máis importante verificar que os tratamentos aplicados sexan eficaces por se hai que repetir a intervención ao comprobarse que continúa o avance da enfermidade.

Nestes momentos, a previsión do tempo é de inestabilidade atmosférica con probabilidades elevadas de precipitacións con temperaturas mínimas altas, polo que o risco de mildio será elevado. A maioría de viticultores xa teñen tratado nesta semana, pero os que non o fixeran aínda deben aplicar un tratamento o antes posible, aproveitando momentos de claros e engadindo un mollante para facilitar a adherencia do produto á planta. En caso de ter que renovar os tratamentos é preciso alternar materias activas con diferente modo de acción. Ademais, é preciso comprobar a maquinaria de tratamento para certificar que está en perfecto estado, controlando que o caudal das boquillas e a presión de traballo sexan os adecuados

En relación a outras patoloxías, desde a EFA destacan que as condicións de temperatura, humidade e luminosidade están sendo estes días moi favorables ao fungo, pero aínda así non se observaron novos síntomas. Dado que o período de prefloración é un momento tamén sensible aconséllase incrementar a vixilancia. Tamén se teñen atopado novas manchas de Black Rot en parcelas de Vide (O Condado), mais a súa incidencia non xustifica a realización dun tratamento.

As capturas de machos de Lobesia botrana continúan en niveis baixos nas trampas da rede de seguimento. Porén, nesta semana observáronse en parcelas do Rosal os primeiros glomérulos (niños da actividade das eirugas), que coincidiron en dous acios que estaban iniciando a floración. Non é habitual facer tratamentos fronte a estas pragas nesta primeira xeración, e que só estarían xustificados se na observación de 100 acios ao chou se atopan máis de 100 glomérulos.

Outros cultivos

Así como acontece na viña, o mildio tamén está a danar a pataca. Despois deste episodio de tempo húmido haberá que tratar fronte a esta patoloxía e non esquecer que tamén é fundamental favorecer no posible a aireación das plantas, por exemplo controlando as malas herbas tanto no interior como nas marxes das plantacións.

O risco de infección por moteado nas maceiras é elevado estes días pola humidade e temperaturas suaves-altas que favorecen a aparición de síntomas –tamén na pereira–. Está a ser xeral a presenza de pulgón verde que deforma as follas e téñense detectados pulgóns cincentos –que tamén deforman o froito– na parcela do castelo de Soutomaior. No que refire á couza da mazá as capturas aínda son baixas para tratar pero é preciso vixilar e instalar trampas.

Nos marmeleiros están a aparecer os característicos síntomas producidos polo fungo Entomosporium maculatum, que pode provocar unha defoliación prematura das árbores caso de continuar o seu avance pola humidade elevada. Como parece que esta situación vai durar ata ben entrada a semana o consello é incrementar a vixilancia. O tempo húmido tamén está a ser moi favorable ás bacterioses no kiwi, polo que é necesario manter as plantas protexidas polo menos ata a apertura da flor, que nalgunhas zonas xa está a iniciarse.

Por outra banda, os gromos tenros que hai na actualidade na maioría dos cítricos estimulan a aparición de colonias de diferentes especies de insectos chupadores, de ovos e ninfas da psila africana e tamén dos diferentes estados das moscas brancas. Estes insectos debilitan as plantas, deforman as follas e favorecen a instalación de ‘fungos de fumagina’ polo que hai que revisar as plantas para avaliar se procede un tratamento insecticida orientado a este tipo de insectos.

Finalmente, a presenza de pulgón é habitual nas diferentes zonas con camelias. Debido á incidencia que estes insectos poden ter sobre o valor ornamental da planta, débese proceder ao seu control.

 

- Publicidade -spot_img