spot_img
InicioVal MiñorNigránAprobado definitivamente o proxecto de construción de tres tramos de senda na...

Aprobado definitivamente o proxecto de construción de tres tramos de senda na estrada PO-552, nos concellos de Vigo e Nigrán

A Xunta aproba definitivamente o proxecto de construción dun Itinerario peonil e ciclista na estrada PO-552, nos treitos Coruxo - Roteas, A Estea e Priegue, nos Concellos de Vigo e Nigrán.Esta actuación, cun investimento de máis de 868.000 euros, está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, que contempla a execución de 12,5 km de novas sendas, cun orzamento global duns 5 millóns de euros
A Xunta aproba definitivamente o proxecto de construción dun Itinerario peonil e ciclista na estrada PO-552, nos treitos Coruxo – Roteas, A Estea e Priegue, nos Concellos de Vigo e Nigrán. Así mesmo o Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén anuncia hoxe a aprobación do expediente de información pública desta actuación. Para obter máis información pódese consultar o seguinteO Consello da Xunta aprobou onte o decreto polo que se se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción deste itinerario.

O obxecto da actuación é a construción dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-552, en tres treitos situados entre os pp.qq. 3+280 e 7+500. O orzamento base de licitación do proxecto de construción é de máis de 868.000 euros.

O Decreto de Utilidade Pública comprende as expropiacións das 32 fincas necesarias para a execución de tres tramos de senda para uso peonil e de ciclistas na estrada PO-552 (Vigo – Tui), 25 delas no Concello de Vigo e 7 no de Nigrán.

O primeiro tramo, entre Coruxo e Roteas, iníciase no p.q. 3+280, onde finalizan as beirarrúas existentes en Coruxo, e construirase senda polas dúas marxes da estrada ata o p.q. 3+600, na zona do pavillón de deportes. Desde este punto seguirase pola marxe dereita ata o 4+440, punto situado na zona inicial de San Miguel de Oia.

O segundo tramo, na Estea, localízase na travesía de San Miguel de Oia, comezando no p.q. 5+600 e finaliza no 6+070, punto no que remata a travesía. Prevese a súa construción pola marxe dereita da estrada PO-552, xa que na esquerda xa existe beirarrúa.

O último treito iníciase no punto no que comeza a travesía de Priegue (p.q. 6+910) e remata no 7+500, onde conecta coas beirarrúas existentes nas Rexas. Proxéctase tamén pola marxe dereita da estrada.

A sección tipo consta dunha senda dun ancho mínimo de 1,8 metros separada da calzada por unha zona axardinada e os bordos de separación nos tramos nos que as características da estrada e as edificacións existentes o permiten.

Ademais da senda executaranse outras obras complementarias como a mellora das paradas de bus existentes nos tramos obxecto da actuación; a adaptación da intersección do p.q. 3+520 ao paso da senda, de modo que quedará habilitado un cambio de sentido para facilitar os xiros no sobreancho existente neste punto, e a mellora da drenaxe na curva do p.q. 7+100, nas Rexas.

Plan de Sendas

Este itinerario está enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, concretamente na comarca de Vigo, onde a Axencia Galega de Infraestruturas executará aproximadamente 12,5 quilómetros de novas sendas, cun orzamento que se achega os 5 millóns de euros. A Xunta ten garantido o financiamento ao terse incluído estas actuacións no programa operativo de Galicia dos fondos europeos FEDER para o período 2014 -2020.

Na estrada PO-552, o Plan de Sendas contempla varios itinerarios peonís e ciclistas. Así, no paseo marítimo existente en Baiona diferenciaranse os espazos destinados a peóns ciclistas na zona próxima ao Parador. O contrato de obras xa está adxudicado e está previsto iniciar os traballos no mes de setembro para non causar molestias ao importante número de usuarios do paseo nos meses de verán. Na mesma estrada prevese complementar o itinerario na zona de Santa Marta, para o que o proxecto xa está redactado.

Outra senda proxectada nesta comarca construirase na PO-331, dende O Porriño ata o paso superior existente sobre a AP-9 nas proximidades de Atín, no Concello de Mos. A Consellería de Infraestruturas xa adxudicou o contrato para a execución desta actuación.

A Axencia Galega de Infraestruturas licitou o pasado mes de marzo os contratos para execución de dúas sendas máis: unha entre Amoedo e Pazos de Borbén, na PO-250, e outra na PO-325 que permitirá completar o itinerario peonil e ciclista existente nesta estrada en Nigrán.

O proxecto da senda para peóns e ciclistas na PO-340 entre Gondomar e A Ramallosa xa foi sometido a información pública en novembro de 2016. Nestes momentos estase a ultimar a supervisión do proxecto, para a súa próxima aprobación e licitación das obras neste verán.

Actualmente atópase en período de información pública o proxecto dunha senda que comunica Navia (desde a glorieta da circunvalación VG-20) coa intersección á estrada a Samil. Tamén está en redacción o proxecto dunha senda na PO-411, en Parderrubias, no Concello de Salceda de Caselas.

- Publicidade -spot_img