Inicio Galicia Compostela Alumnado do Colexio Vilas Alborada de Santiago formouse en valores a través...

Alumnado do Colexio Vilas Alborada de Santiago formouse en valores a través da radio

alumnado-do-colexio-vilas-alborada-de-santiago-formouse-en-valores-a-traves-da-radio

Teatrofórum e xogos interculturais son outras das actividades realizadas no marco do proxecto Escolas sen Racismo de ACPP e Agareso

Co remate do curso escolar finalizaron no Colexio Vilas Alborada as actividades de educación para o desenvolvemento promovidas por Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). Entre elas, o obradoiro de radio para a formación en valores ao que asistiron vinte estudantes de 6º de Primaria, alén doutras accións encadradas no proxecto ‘Escolas sen Racismo’, un movemento que engloba a máis de 500 centros educativos de toda Europa.

O obradoiro radiofónico, que se desenvolvía no colexio por segundo ano consecutivo, prolongouse durante dez xornadas, nas que as rapazas e rapaces aprenderon sobre os xéneros xornalísticos, pero tamén adquiriron pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese deste xeito a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo.

Esta semana gravouse o programa final, titulado ‘A mirada do Vilas Alborada’, que incorpora unha interesante entrevista a un refuxiado sirio que residen en Santiago de Compostela. O espazo tamén inclúe un faladoiro interxeracional con veciñas de San Pedro e unha enquisa de rúa que se gravou na Feira da Primavera celebrada no barrio.

Canda esta actividade de comunicación para o cambio social, cuxo resultado poderá escoitarse axiña na canle de Agareso en Ivoox, o proxecto contemplaba propostas coma xogos interculturais e teatrofórum, no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución ten que representar o alumnado. Tamén a exposición ‘Mira Ti’, coa que se sensibiliza contra os prexuízos e a discriminación, e os contos ‘Historias que contan’, que permiten traballar os estereotipos e a comprensión do outro, ou ‘Por un mundo de cores’, dirixido ás nenas e nenos de Educación Infantil.

Unha decena de centros educativos galegos participaron no último curso da iniciativa ‘Escolas sen racismo, escolas para a paz e o desenvolvemento’, que conta co apoio da Xunta de Galicia, co fin de formar na convivencia pacífica, a solidariedade, o respecto e a inclusión.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies