spot_img
InicioGaliciaCompostelaAgareso presenta 'Muda o conto', unha campaña contra o discurso de odio

Agareso presenta ‘Muda o conto’, unha campaña contra o discurso de odio

Agareso presenta 'Muda o conto', unha campaña contra o discurso de odioO voluntariado da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social presentou na aula 0 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, #Mudaoconto, unha campaña de sensibilización contra o discurso do odio que propón novas narrativas e chama á responsabilidade dos novos e novas profesionais da comunicación.
                                                       
Que entendemos por discurso do odio? Sabemos identificalo? E reaccionar a el? Estas son algunhas preguntas que tratan de responder a través das dinámicas e pezas audiovisuais que propuxo a presentación da campaña na tarde de onte.
                                                       
A sesión comezou de xeito inesperado para as persoas participantes. Unha dinámica abriu a presentación, buscando que os/as asistentes comezasen a mergullarse no tema dende outra perspectiva, esquecendo os prexuízos e discursos “politicamente correctos” que puidesen chegar de primeiras ás súas mentes.
                                                       
A continuación comezaron definindo que consideramos discurso do odio, e continuaron poñéndonos na pel de persoas que o sofren día a día a través da interpretación dalgunhas escenas cotiás nas que este discurso esta moi normalizado. Titulamos estas interpretacións, coma se de novas se tratasen, reflexionando cal é o tratamento habitual destes feitos e cal debería ser.
                                                       –
Tralas dinámicas e despois de afondar no tema, achegaron o por que da iniciativa e expuxeron a necesidade de cuestionarnos sobre cal é o noso papel na sociedade e no sistema, como profesionais ou futuros/as profesionais da comunicación.
                                                       –
O discurso do odio sorprende cada vez máis como protagonista nos espazos públicos, en titulares e novas dos medios de omunicación, así como en mensaxes racistas, sexistas, tránsfobas, difusores de aporofobia, etc. nas redes sociais de, cada vez, máis porcentaxe da nosa sociedade.
                                                       –
#Mudaoconto chega para amosar o grao de responsabilidade que teñen as novas xeracións, para dar paso á reflexión e ao debate. Entederemos con esta campaña como identificar estes discursos discriminatorios e aprenderemos como afrontalos e enfrontalos dende novas narrativas que avoguen polo respecto, a igualdade, a empatía e a xustiza social.
                                                       
#Mudaoconto é unha iniciativa que xorde do proxecto “Mocidade contra o discurso do odio”, un proxecto financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que puxo en marcha o voluntariado xuvenil de Agareso neste 2021.
                                                       –
Co obxectivo de concienciar e sensibilizar ás novas xeracións de xornalistas e comunicadores/as, o voluntariado propón unha campaña dende as redes sociais, que ademais de ensinar a quen a atope navegando por Instagram, Twitter ou Facebook, supón un gran aprendizaxe para o voluntariado que participa.
- Publicidade -spot_img