·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaCompostelaAberta a inscrición dunha xornada que analiza o patrimonio industrial ferroviario

Aberta a inscrición dunha xornada que analiza o patrimonio industrial ferroviario

Aberta a inscrición dunha xornada que analiza o patrimonio industrial ferroviario
Foto cortesia Adif

Estamos no Ano Europeo do Ferrocarril. Unha celebración que pretende concienciar no uso deste medio de transporte e á que se lle suma outra efeméride: neste 2021 cúmprense 140 anos da chegada do ferrocarril a Galicia. Con este motivo, o Consello da Cultura Galega (CCG) propón, para o vindeiro día 8 de setembro en Santiago, unha xornada que pretende poñer o foco na relevancia histórica deste medio de transporte e nas súas consecuencias para Galicia desde diferentes puntos de vista. Destacados especialistas participan nesta cita titulada “O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril” que abre hoxe o seu prazo de inscrición a través do web do CCG.

En diferentes cidades e vilas de Galicia é doado atopar asociacións de “amigos” do Ferrocarril que se ocupan de manter a memoria do que supuxo a súa construción. Foron obras públicas de extrema complexidade que nalgúns casos custaron moitas vidas e se converteron en referentes á hora de intervir en territorios xeograficamente complicados. Con todo, segue pendente a abordaxe definitiva e homologada de espazos museísticos e centros de interpretación que cubran a importancia deste medio de transporte para Galicia. Sobre estes asuntos falarán diferentes especialistas como os profesores Xosé M. Núñez Seixas e Xosé Ramón Veiga Alonso que ofrecerán a perspectiva histórica e os retos que quedan por acometer.

Ademais, outros especialistas abordarán a perspectiva do asociacionismo e actividades culturais en diferentes territorios. Unha perspectiva que ofrecen o ilustrador, escritor e divulgador, Francisco Boluda e a arqueóloga Nieves Amado.

As propias infraestruturas son, en si mesmas, testemuño da complexidade orográfica e económica para a implantación deste medio de comunicación. Bo exemplo disto último foi a construción do chamado Viaduto de Gundián, en Vedra, inaugurado en setembro de 1958 como remate da conexión de Galicia coa meseta (tramo O Carballiño-Santiago de Compostela da liña Zamora-Ourense-A Coruña) e sobre o que existen interesantes traballos de “memoria” feitos por entidades sociais e tamén prestixiosos estudos de investigación histórica. En 2011 inaugurouse, en paralelo e tamén sobrevoando o Ulla, o maior viaduto construído até a data para o acceso do AVE a Galicia, acometido polo galego Grupo Puentes.

Na sesión da tarde falarase tamén do papel dos museos do ferrocarril. A xornalista, política e escritora María Xosé Porteiro, membro tamén da Comisión Executiva do CCG e exdirectora do Museo do FC-Delicias e da Comunicación da Fundación de los Ferrocarriles Españoles, será a coordinadora dunha mesa na que participan Carlos Abellán, exdirector do Museo do Ferrocarril de Madrid; Luís Blanco Gómez, director do Museo do Ferrocarril de Galicia e Javier Fernández López, director do Museo do Ferrocarril de Asturias.

O programa inclúe tamén diferentes actividades culturais. Unha delas é a proxección do documental Carrilanos: os túneles dun tempo. Que presenta e comenta o seu autor, Rafael Cid, director de TVE-Galicia. E outra é o recitado do poema “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” a cargo de nenas e nenos de Celanova, coa colaboración da Fundación Manuel Curros Enríquez.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies