·Publicidade ·spot_img
InicioGaliciaA Xunta reforza a loita contra o lume forestal

A Xunta reforza a loita contra o lume forestal

A Xunta reforza a loita contra o lume forestal

Galicia contará cunha trintena de medios aéreos, máis de 7 mil persoas, 142 cámaras de vixilancia e 378 motobombas para facer fronte aos lumes en 2021

O Goberno Galego pretende dar así a máxima cobertura posible na loita contra os incendios que cada ano afectan o territorio. O Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2021 instrumenta unha serie de alianzas entre a Consellería de Medio Rural coas administracións do Estado e locais cara a mellorar as respostas aos lumes. Por outra banda, o plan estrutura melloras nos cálculos de custos  de extinción (materiais e de traballo) coa fin de facilitar posibles reclamacións xudiciais a responsables de incendios intencionados.

Ademais do mantemento e melloras no campo tecnolóxico, o plan facilitará a información en tempo real nos operativos. O persoal poderá coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos, así como outros datos informativos de valor diante dun operativo.

A Xunta reforza a loita contra o lume forestal

Rede de cámaras

Coa incorporación de 22 novas cámaras Galicia contará con 142 unidades de videovixilancia localizadas en 71 puntos estratéxicos do territorio. Deste xeito aténdense as localidades de maior risco histórico de incendios e elévase a cobertura dun 60% ao 70% da comunidade.

Parque móbil e formación de persoal

Como noutros anos máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais da Xunta como os doutras administracións serán coordinadas para posibles operativos. Os concellos achegarán 19 motobombas para esta campaña. Pola súa banda a Xunta -que leva adquiridas 88 dende 2013-, engadirá 6 motobombas que se suman ás 11 adquiridas nos últimos meses. En total, o número global de vehículos motobomba a disposición do operativo é de 378.

O plan atenderá tamén a formación profesional e de prevención de riscos cunhas 230.000 horas lectivas dirixidas aos case 30 mil traballadores do servizo, aos concellos e á cidadanía. A iniciativa contempla até 2024 a formación práctica para os traballadores do Servicio de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia e para os municipios, e de concienciación e autoprotección para a sociedade rural.

A Xunta reforza a loita contra o lume forestal

Plan preventivo territorial

O Pladiga 2021 incorpora un plan preventivo para máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na comunidade e a construción doutros 222 novos. Todo isto, cun investimento de arredor de 30 millóns de euros.

As estratexias de 2021 inclúen un Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén e que funcionará como “Campus Forestal” coa participación de especialistas no comportamento e análise dos incendios. Agrégase no sur de Ourense, unha das áreas máis afectadas polos lumes, unha base de medios aéreos para mellorar prevención e respostas, dentro do proxecto interfronteirizo, cun investimento superior aos 9 millóns de euros.

Colaboración coa Fegamp

Asinouse un compromiso de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que inclúe a xestión de biomasa no 86% do territorio para a que se conta con drons e un equipo de 45 supervisores do cumprimento das normas de prevención. A través deste convenio  a Xunta entregou 232 plans de prevención municipais dos cales 129 xa están aprobados e 103 atópanse en tramitación, cubrindo con esta ferramenta o 75% das administracións municipais.

Teléfonos para alertar de lumes e da actividade incendiaria

Por último, a Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais pode ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies