spot_img
InicioVal MiñorBaionaA voz inigualable de Najla Shami alzouse en Baiona contra as violencias...

A voz inigualable de Najla Shami alzouse en Baiona contra as violencias machistas

A voz inigualable de Najla Shami alzouse en Baiona contra as violencias machistasCun espectacular solpor e fronte ao mar de Baiona e co fondo das Illas Cíes, a poesía, a voz e a música uníronse na noite deste luns en “Palabr(A)”, a actuación coa que Najla Shami fixo un chamamento claro, emotivo, doce e vibrante pola igualdade no baionés parque da Palma.

Con temas cun marcado corte feminista, nos que tamén deixou ver a protesta social e a fusión de culturas, a artista removeu a conciencia das persoas asistentes a este concerto do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ao que asistiron a presidenta, Carmela Silva, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a deputada provincial, Raquel Giráldez, e representantes da corporación local. Todas elas e eles deixáronse levar polas músicas do mundo, corearon algúns dos temas, aplaudiron e desfrutaron do concerto sen esquecerse do motivo que as e os levou alí: a erradicación da violencia de xénero.

O feminismo e a fusión de culturas da artista encheron de emoción o parque da Palma onde Najla Shami removeu conciencias e interactuou co público

Durante preto dunha hora a artista interpretou cancións dos seus dous traballos, “Na lingua que eu falo” e “Ela sabe a sol”, que a fixeron alzarse co favor da crítica e gañar varios premios. Najla Shami non estivo soa sobre as táboas, acompañárona a súa guitarra e o guitarrista Raúl Quioquio, que se quedou nun segundo plano e xunto a ela marcou o ritmo da actuación. Ao compás da música xurdiu unha conversa na que se puxo de manifesto a necesidade de expresar a forma do mundo na boca dunha muller empregando a poesía e a música como vehículo e arma. Todas as cancións da artista están compostas “dende a muller”, segundo ela mesma explicou durante a actuación, e nelas fala de “como as mulleres sacan forza de onde non a hai para renacer como a ave fénix”. Ademais, Najla Shami aproveitou a ocasión para agradecer á Deputación todas as accións que leva a cabo en materia de igualdade para “visibilizar o que se ten que visibilizar”.

A “Palabr(A)” de Najla Shami foi a décimo novena das 25 accións da actual VI edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, co lema “Emerxencia cultural, urxencia feminista! Ni un paso atrás na loita cara a igualdade”. No que resta deste ano haberá outras seis propostas en outros tantos concellos da provincia.

- Publicidade -spot_img