A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro visitaron hoxe en Gondomar o curso “Patronaxe e montaxe dun branco”, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, no marco da súa programación de formación especializada para profesionais do sector artesán.
Economía, Emprego e Industria desenvolve, en colaboración coas asociacións profesionais de artesáns, actividades centradas no deseño e a moda para impulsar a colaboración da artesanía con outras áreas de traballo
Esta acción de formación, impartido por Rebeca Rodríguez González e Dolores Pastoriza Ferradás, iniciouse no pasado mes de novembro e rematará o vindeiro 21 de febreiro. A través desta iniciativa os 22 alumnos participantes coñecen as técnicas actuais de patronaxe e montaxe de prendas, realizan patróns de distintos modelos, e rematarán cosendo e ensamblando os distintos compoñentes da prenda.
A colaboración entre a artesanía e outras áreas de traballo, e a organización de actividades de impulso á formación e á conservación dos oficios artesanais tradicionais forman parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria recollida no Plan de Artesanía de Galicia, que busca promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.





