·Publicidade ·
mobipark
mobipark
InicioGaliciaA Xunta impulsa o 'proxecto Mil Ríos' para poñer en valor o...

A Xunta impulsa o ‘proxecto Mil Ríos’ para poñer en valor o patrimonio natural de 300 km de ríos galegos

A Xunta impulsa o 'proxecto Mil Ríos' para poñer en valor o patrimonio natural de 300 km de ríos galegosA Xunta de Galicia está a impulsar, no marco da súa candidatura aos fondos europeos, o Proxecto Mil Ríos, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural dos ríos galegos grazas a un investimento de máis de 30 millóns de euros.

Nunha visita esta mañá á contorna do río Sor, en Mañón, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que esta actuación se enmarca nun dos retos do seu departamento da proposta do seu departamento para os Next Generation: a conservación e restauración de ecosistemas e biodiversidade en Galicia.

O curso fluvial do Sor, xunto aos dos ríos Ulla, Eo e Landro, son nos que se centrará o proxecto, do que Vázquez Mejuto avanzou máis detalles despois de ser avalado polo Consello da Xunta na súa reunión da semana pasada.

Esta iniciativa tradúcese en restaurar e mellorar máis de 300 quilómetros destes ríos, recuperando as poboacións de peixes, incrementando a biodiversidade e a conectividade ecolóxica; ao tempo que se mellora a adaptación dos ríos ao cambio climático e a resiliencia ás posibles catástrofes naturais.

O Proxecto Mil Ríos ten catro eixes principais, como a eliminación e o control de especies exóticas invasoras, tanto de fauna coma de flora, nos corredores fluviais, humedais e marismas; e a recuperación e mellora de hábitats e especies, sobre todo das especies ameazadas, entre as que se atopan o salmón, a anguía, o reo ou o sábalo, así como das que son propias neste tipo de hábitats, o galápago europeo, o mexillón de río, o cangrexo de río autóctono ou a toupa de río.

Un terceiro obxectivo é o seguimento de peixes migradores dos ríos de Galicia, grazas á instalación de sistemas de conteo e detección de peixes nestes catro ríos, con equipamento de seguimento de última xeración, como poden ser os contadores en escala con vídeo, antenas de detección e sistemas de detección de marcas acústicas. E no caso concreto do Ulla, inclúe melloras para convertelo en índice de seguimento das poboacións de peixes que migran entre auga doce e salgada (diádromos) a nivel europeo.

Segundo a conselleira, para o desenvolvemento do cuarto eixo deste proxecto tamén se solicitará a participación das demarcacións hidrográficas, co fin de mellorar as infraestruturas dos ecosistemas fluviais, grazas a actuacións como a consolidación de marxes fluviais, a eliminación de infraestruturas que estean obsoletas ou en desuso e a permeabilización de obstáculos nos ríos.

Por último, a conselleira destacou que o impulso por esta iniciativa leva aparellada outros beneficios, como é o impulso do emprego verde e o turismo sostible, dous aspectos cos que avanzar na concienciación e na sensibilización.

Nese sentido, felicitou ao Concello de Mañón polo traballo de mantemento e conservación que realiza dos espazos e das contornas naturais no municipio e sobre todo nos que están próximos ao río, que son unha alternativa de ocio e de lecer para estes días festivos cos que gozar da natureza “sempre con responsabilidade e sentidiño”.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies