Inicio O Condado As Neves A Xunta destinará preto de medio millón de euros a recuperar o...

A Xunta destinará preto de medio millón de euros a recuperar o potencial forestal danado polos lumes no concello das Neves

A Xunta destinará preto de medio millón de euros a recuperar o potencial forestal danado polos lumes no concello das NevesA Consellería ten previsto achegar uns 450.000 euros para diversos proxectos neste municipio, que se suman aos máis de 200.000 xa investidos nos seus montes veciñais en man común

A Consellería do Medio Rural ten previsto investir un total de 450.000 euros en diferentes proxectos de recuperación do potencial forestal danado polos incendios rexistrados en 2017 nos montes de xestión pública do concello pontevedrés das Neves. O investimento, para iniciar este ano, permitirá actuar nunha superficie de arredor de 200 hectáreas, segundo trasladou o propio conselleiro, José González, ao alcalde desta localidade, Xosé Manuel Rodríguez, nunha xuntanza de traballo na que tamén participaron os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Deste xeito, nunha vontade de colaboración institucional, no encontro abordouse a necesidade de culminar o proceso de retirada das árbores afectadas polos incendios do 2017, como paso previo á recuperación forestal da zona. Estes traballos están sendo realizados pola Xunta e xa culminaron nos montes veciñais, quedando pendente a súa finalización nas parcelas de propietarios particulares. Tendo en conta o minifundismo e o grao de descoñecemento da titularidade existente na zona, o rexedor municipal comprometeuse nesta xuntanza a colaborar coa Consellería para axilizar estes traballos de retirada. Neste sentido, o alcalde asumiu o compromiso de abordar cos propietarios particulares a necesidade de retirar canto antes esta madeira.

Unha vez rematados os labores, abordarase unha estratexia de recuperación integral do territorio, promovendo a xestión conxunta dos terreos como mecanismo para xerar un monte multifuncional e sustentable económica, social e ambientalmente.

Estas achegas da Xunta para As Neves súmanse ás que permitiron financiar labores de eliminación de madeira queimada non comercial en diversos montes veciñais en man común do concello. Neste caso das Neves estes traballos abrangueron unhas 100 hectáreas, cun investimento total de 213.537 euros e realizáronse nos montes de Cerdeiras, Rubiós, Taboexa, San Pedro de Batalláns e San Xosé de Ribarteme. Ademais, o conselleiro lembrou que nas diferentes liñas de axudas forestais da Consellería incluíuse este municipio como prioritario.

Neste encontro o conselleiro explicou tamén ao rexedor diversas posibilidades que ofrecerá a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Así, trasladoulle a importancia da iniciativa das aldeas modelo, nas que xa se está a traballar noutros lugares de Galicia, e que impulsa a Xunta para poñer en valor as terras agrarias nas inmediacións dos núcleos de poboación. O alcalde amosou interese por estudar as posibilidades de desenvolver esta figura no seu municipio, tendo en conta tamén as vantaxes que ofrece para a prevención dos incendios.

Ademais, José González tamén lle explicou outra das ferramentas de mobilización de terras, como son as agrupacións (agropecuarias e forestais) de xestión conxunta da terra. Neste senso, trasladoulle que esta iniciativa permitiría ás persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos agroforestais xestionar conxuntamente esas propiedades.

Estas agrupacións voluntarias, sinalou o conselleiro, terán por finalidade recuperar e poñer en valor os terreos, co fin de impedir o seu abandono, servir como instrumento para a protección do medio ambiente, a prevención e defensa contra os incendios forestais e a loita contra o cambio climático. Tamén se busca a creación de emprego endóxeno, colaborando no aumento da calidade de vida e expectativas de desenvolvemento da poboación rural.

Finalmente, José González trasladou ao rexedor que estas dúas figuras -as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta- funcionarían con éxito na recuperación e posta en valor de áreas agropecuarias e forestais deste concello pontevedrés.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies