·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoA Xunta destinará os 5 millóns de euros dos fondos europeos reservados...

A Xunta destinará os 5 millóns de euros dos fondos europeos reservados ás Illas Atlánticas a actuacións de repoboación e mellora de infraestructuras e dotacións

A Xunta destinará os 5 millóns de euros dos fondos europeos reservados ás Illas Atlánticas a actuacións de repoboación e mellora de infraestructuras e dotaciónsA Xunta de Galicia destinará os 5 millóns de euros dos fondos europeos asignados ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas a financiar diferentes actuacións de protección e posta en valor da biodiversidade deste espazo natural, así como á mellora dos equipamentos, infraestruturas e servizos básicos existentes nas illas e na súa área de influencia.

Este foi un dos temas que se abordaron durante a XVI reunión do Padroado do Parque Nacional, celebrada no edificio Cambón de Vigo e á que asistiu, en nome da  Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Neste sentido, a directora subliñou a “oportunidade” que suporá poder contar con este financiamento para darlle un pulo definitivo a iniciativas e investimentos importantes para poñer en valor un espazo que se caracteriza por ser “a icona natural” de Galicia.

Así, referiuse aos tres proxectos aos que se destinará a inxección económica do plan de recuperación europeo para as Illas Atlánticas: medio millón de euros para a retirada de arborado e a repoboación con especies autóctonas como sobreiras e cerquiños; 2,8 millóns de euros para un paquete de actuacións de mellora das infraestruturas de uso público e servizos básicos (saneamento e abastecemento de auga, electricidade…) nos catro arquipélagos, ademais de actuacións de mellora, seguimento e restauración de hábitats e especies; e 1,6 millóns de euros destinados a unha liña de axudas para mellorar equipamentos e infraestruturas nos catro concellos da súa área de influencia.

Cómpre lembrar que conforme ao reparto territorializado acordado, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural xestionará 21,6 millóns de euros procedentes dos fondos europeos reservados para actuacións de biodiversidade, así como para os parques nacionais e  para as reservas de biosfera.

A Xunta de Galicia lembra, en todo caso, que os proxectos que se financiarán con cargo a estes recursos foron deseñados no seu día e serán executados en exclusiva pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Carta Europea de Turismo Sostible

Por outra banda, a reunión do Padroado do Parque Nacional tamén serviu para facer balance das actividades desenvolvidas ao longo do último ano no Parque Nacional así como dos principais proxectos de investigación que tiveron como escenario ou obxecto principal de estudo algún dos catro arquipélagos.

Así mesmo, o director conservador do Parque Nacional, José Antonio Fernández Bouzas, confirmou a renovación da Carta Europea de Turismo Sostible, que a Federación Europarc concedeu por primeira vez no ano 2015 a este espazo natural en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística de calidade.

- Publicidade -spot_img

Publicidade