·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaA Xunta deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados da provincia de...

A Xunta deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados da provincia de Pontevedra para aumentar o seu valor paisaxístico

A Xunta deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados da provincia de Pontevedra para aumentar o seu valor paisaxísticoO delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informa da publicación dunha guía monográfica sobre os 472 espazos inventariados en Galicia nunha visita a Santa Trega acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de publicar unha guía monográfica de boas prácticas que contempla e deseña a mellora dos 156 miradoiros catalogados e inventariados da provincia de Pontevedra co obxectivo de aumentar, a medio prazo, o seu valor paisaxístico.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta publicación, que recolle diversas medidas de potenciación dos 472 espazos inventariados en toda a comunidade, nunha visita ao miradoiro central do Monte de Santa Trega, un dos máis emblemáticos de Galicia, acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e outros representantes municipais.

“Estes puntos de visualización son un dos grandes atractivos da nosa comunidade, xa que temos un forte liderado neste aspecto no ámbito nacional e europeo pola orografia e a beleza da nosa terra, polo que queremos obter o maior rendemento turístico e medioambiental ao tempo que protexemos, preservamos e potenciamos estes lugares tan impoñentes”, explicou o representante autonómico.

Luis López explicou que esta guía, elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta no que supón a súa undécima publicación monográfica sobre a Paisaxe de Galicia, recolle as boas prácticas para a identificación, acondicionamento e potenciación do seu valor turístico e natural, con medidas concretas no que se refire aos accesos, mobiliario, sinalización e coidado. Así mesmo, tamén se concretan as pautas e as accións para o deseño de novos miradoiros, xa que a nosa comunidade conta con potencial para aumentar a oferta destes espazos, cada vez máis demandados polos galegos e os visitantes.

“Temos unha enorme riqueza no que se refire aos miradoiros, que ademais son fundamentais na conformación da identidade do noso territorio, pero queremos mellorar as súas condicións e garantir a súa axeitada integración coa paisaxe, dependendo das súas características e estado, para o cal establecemos unhas liñas comúns”, detallou o delegado territorial, que concretou que as actuacións varían segundo a tipoloxía destes espazos, que se distribúen nas categorias de augas doces, costa, paisaxe agrícola, montaña, ceo nocturno, elementos patrimoniais, paisaxe urbana e paisaxe industrial.

Finalmente, Luis López destacou o peso do sur da provincia de Pontevedra na relación dos principais miradoiros de Galicia, favorecido pola presenza de numerosos montes, do cauce do río Miño e da fachada cara ao Océano Atlántico. Así, ademais de Santa Trega, tamén destacou outros da contorna como a Explanada do Horizonte, no Concello do Rosal, ou o Miradoiro de San Nomedio, nas Neves, entre moitos outros.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies