spot_img
InicioO SalnésA XLIII Festa do Viño Tinto arranca mañá en Ribadumia co grupo...

A XLIII Festa do Viño Tinto arranca mañá en Ribadumia co grupo Milladoiro

XLIII-Festa-Viño-Tinto-arranca-mañá-Ribadumia-grupo-MilladoiroNove postos de degustación de viño e a actuación de Milladoiro darán mañá, venres, o pistoletazo de saída á XLIII Festa do Viño Tinto do Salnés, que se celebra durante toda a fin de semana en Barrantes, Ribadumia. A apertura dos stands será as 13:00h, pero a inauguración oficial non terá lugar ata as 19:00 horas da tarde e estará amenizada pola actuación da Banda de Gaitas Penaguda de Meaño. A festa continuará ás 22:00 coas Orquestra Pontevedra, ás 23:30 Milladoiro e as 01:00h a orquestra Televisión, os dous últimos na Carballeira de Barrantes.

Aproximadamente 80 colleiteiros de viño tinto tipo Barrantes e de variedades autóctonos presentáronse este ano a concurso. As catas finais serán o sábado, ás 13:00 horas na Carballeira de Barrantes e estarán dirixidas polo Comité de Catas e o Consello Regulador (no caso da variedade autóctona). Nese momento investiranse aos novos valedores da honorable orde do Viño Tinto do Salnés de 2015: J.Manuel Vázquez “O Ruso”, presidente do Club Náutico O Muíño; Andrés Otero, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribadumia; J. Carlos Lorenzo Pombo, recoñecido viticultor; J. Carlos Vázquez Abal, enólogo e catador oficial da Denominación de Orixe Rías Baixas; Tino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués e Yayo Daporta, recoñecido restaurador.

As encargadas de ler este ano o pregón serán As lerchas, un dúo coñecido polas súas actuacións na TVG e polos seus shows humorísticos. Tamén na Carballeira de Barrantes haberá unha degustación gratuíta de viño tinto de Barrantes, chourizos e pan de millo. O xantar de confraternidade será ás 14:00 horas, e as entradas aínda se poden comprar na cafetería Che e en Comercial Piris. Será alí onde se dará a coñecer aos colleiteiros gañadores da XLIII Festa do Viño Tinto do Salnés.

Pola tarde será a quenda dos nenos, coa Festa Infantil na Praza do Concello ás 19.00 horas. As orquestras Sintonía de Vigo e Costa Oeste serán as encargadas de amenizar pola noite a festa

O domingo ás 09:30 horas terá lugar a saída da IV Ruta BTTinto, que esta edición contou con máis de 2900 participantes. Os premios os entregará a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, ás 14:00 horas na Praza do Concello. Pola noite, será a quenda do xa tradicional espectáculo de  Panorama, encargados de pechar a festa.

 

- Publicidade -spot_img