Inicio Val Miñor Baiona A XII edición do festival 'Espazos Sonoros' inicia a súa programación cun...

A XII edición do festival ‘Espazos Sonoros’ inicia a súa programación cun concerto na igrexa de Santa Liberata de Baiona

ROMARÍA DE SAN COSME E SAN DAMIÁN 2014 EN BAIONA, Santa LiberataO festival percorrerá ata o 6 de outubro o patrimonio histórico de Galicia cunha ampla programación musical que se complementa con andainas, visitas e obradoiros

A XII edición de Espazos Sonoros, o festival promovido pola Xunta de Galicia que percorrerá o patrimonio histórico da comunidade afondando na experiencia das músicas de raíz e de tradición culta, inicia esta noite a súa programación cun concerto na igrexa de Santa Liberata de Baiona ás 20,00h.

Esta primeira cita, a que asiste o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, está protagonizada polo grupo Cantaderas, unha singular formación composta por mulleres cunha ampla traxectoria no mundo da música antiga e que nace coa vocación de poñer en conexión a música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral.

O repertorio escollido para a ocasión enmárcase na Semana Santa e traslada a celebración do milagre da Resurrección a cada recuncho do cotián a través dunha escolma de cancións populares combinadas con pezas do século XIII. Este concerto, como todos os incluídos na programación de Espazos Sonoros, é de entrada libre ata completar aforo.

A programación musical desta duodécima edición, que se celebrará ata o vindeiro 6 de outubro, compleméntase con outras actividades como andainas, visitas guiadas e obradoiro para as que é preciso inscribirse previamente a través da dirección de correo electrónico actividades@espazossonoros.org. A primeira destas actividades terá lugar o vindeiro sábado 7 de setembro en Carballedo, Lugo. Trátase dunha ruta, cuxas prazas xa están cubertas, na que a través das imaxes e dos textos de Frei Martín Sarmiento, os participantes poderán rememorar a importancia que o desaparecido mosteiro de Santo Estevo de Chouzán tivo na Ribeira Sacra.

Esa mesma noite a igrexa de santo Estevo de Chouzán acollerá un concerto de balde ata completar aforo do dúo Fracanapa, especializado na interpretación de tango arxentino desde a perspectiva da música de cámara concertante.

O domingo día 8, para completar as actividades da fin de semana, nun marco de absoluta beleza como é o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, terá lugar un dos apartados xa tradicionais da programación do festival Espazos Sonoros: o Obradoiro de Achegamento á música antiga. Trátase dunha actividade participativa pensada para aprender e gozar ao vivo da música antiga e dos seus instrumentos e repertorios sen necesidade de coñecementos previos. As prazas son limitadas e a inscrición pode realizarse ate o 4 de setembro.

Toda a información sobre as actividades e concertos que se desenvolverán no marco do festival Espazos Sonoros pode consultarse a través da súa páxina web www.espazossonoros.org.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies