spot_img
InicioGaliciaA Unesco declara a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel...

A Unesco declara a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a sétima reserva da biosfera de Galicia

medio-ambiente-dara-prioridade-as-accions-paisaxisticas-dos-concellos-que-voluntariamente-asinen-un-pacto-pola-paisaxeO Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB, reunido en Nixeria, fixo pública esta tarde a relación das novas reservas da biosfera en todo o mundo

A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou onte o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns e que esta tarde anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional.

Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, na súa 33ª sesión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma —18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes— como para o conxunto de Galicia.

Coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.

Grazas á nova declaración, case o 35% do territorio galego goza xa deste prestixioso recoñecemento internacional e o 42% ten algún tipo de figura de protección

De feito, a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.

A Xunta subvencionará a 12.800 galegos o 40% das súas estadías turísticas internas
Cedida por Turismo de Galicia

Tras a proclamación por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.

Case catro anos de traballo

A candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a reserva da biosfera culminou así un longo camiño, impulsado e liderado desde o principio pola Xunta de Galicia e que se concretou a comezos do ano 2019 nunha primeira proposta, elaborada coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega.

 

Tras un longo proceso de participación pública e unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa MaB, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera a Ribeira Sacra chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco hai uns meses, que emitiu un informe favorable no que, ademais, felicitaba aos promotores polo traballo realizado e a “excelente” calidade do proxecto.

Case catro anos despois de que a proposta galega botara a andar, a declaración oficial da nova reserva da biosfera por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.

- Publicidade -spot_img