spot_img
InicioGaliciaA CoruñaA última sesión das xornadas do centenario de Manuel Murguía aborda as...

A última sesión das xornadas do centenario de Manuel Murguía aborda as relacións transatlánticas de Murguía e Rosalía

A última sesión das xornadas do centenario de Manuel Murguía aborda as relacións transatlánticas de Murguía e RosalíaA derradeira xornada do centenario de Manuel Murguía (1833 – 1923) mirou cara a América desde a Fundación Rosalía de Castro (lugar da Matanza, Padrón)

Cousas de revista nº16

A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama detivose na relación do primeiro presidente da RAG e de Rosalía coa emigración transatlántica na mesa redonda sobre literatura e nación que celebrouse no último fogar da escritora. A profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña analizou a pegada en Murguía da literatura popular tanto na obra literaria coma no eido da investigación e o filólogo Xurxo Martínez achegarase á súa contribución á fixación dunha literatura nacional.

O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, moderou a mesa, que deu paso a unha actuación musical da soprano Anna Mélikhova e o pianista Martín M. Chaves Fraga. Interpretaron, entre outras pezas, “Rosa de abril”, “Maio longo” e “Negra sombra”, con música de Andrés Gaos, José Baldomir e Juan Montes para os poemas homónimos de Rosalía de Castro.

O primeiro encontro, sobre Murguía e as institucións, celebrouse o pasado 2 de febreiro e o segundo, dedicado á idea de Galicia no autor, tivo lugar o 9 de febreiro no paraninfo da USC.

Con esta secsión púsoxe o ramo ás Xornadas Manuel Murguía, organizadas pola Real Academia Galega co apoio económico da Xunta de Galicia e a colaboración da propia Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane.

Lazos transatlánticos a través da prensa

A relación de Murguía e Rosalía con América maniféstase desde o comezo da súa actividade pola presenza do tema da emigración na súa obra, pero durante a Restauración articúlase en colaboracións arredor de dous contactos fundamentais e dous proxectos xornalísticos de Murguía en vida de Rosalía, salienta María Xesús Lama, biógrafa da autora fundacional das letras galegas contemporáneas. Un deles foi a dirección da revista La Ilustración Gallega y Asturiana (1879 – 1881), o gran proxecto promovido por Alejandro Chao desde Cuba e editado en Madrid; e o outro, as colaboracións entre 1881 e 1883 con La Nación, publicación editada en Buenos Aires por Manuel Barros. “Ambas as colaboracións son paralelas á publicación de Follas novas na editorial La Propaganda Literaria que tiña Chao na Habana e á publicación dos últimos textos casteláns de Rosalía en La Nación que darían lugar a En las orillas del Sar”, indica a investigadora.

Todos estes nexos demostran o peso da relación de Murguía e Rosalía cos colectivos da emigración en América, tanto pola súa relevancia á hora de activar a demanda como receptores e lectores potenciais da obra de ambos coma pola súa capacidade económica para xerar proxectos culturais que promoveron oportunidades para a produción e a difusión dos seus escritos, analiza María Xesús Lama. Canto ao contido producido, a filóloga chama a atención sobre as escasas referencias á realidade americana nun período no que o Estado español estaba a asinar tratados de independencia con amplos territorios como Perú (1879), Colombia (1881) ou Paraguai e Uruguai (1882). “O interese concentrábase en levar noticias de Galicia a unha poboación que aínda miraba cara ás súas orixes”, explica.

A recolla da literatura popular a través do Boletín da RAG

Xurxo Martínez fixouse noutra publicación xornalística, La Oliva, periódico fundado en Vigo en 1856 e do que Murguía foi responsable da sección cultural. Nas súas páxinas expuxo sendo aínda ben novo a súa primeira interpretación da historia política e literaria de Galicia, en traballos que máis adiante incluiría como textos introdutorios do Diccionario de escritores gallegos (1862) e do primeiro volume da Historia de Galicia (1865). O filólogo repasou as ideas centrais plasmadas en ambos os textos sobre a fixación dunha “literatura nacional” na cal a lingua, a temática e o estilo son elementos centrais; e contrastou tamén a posición reflectida en La Oliva coa de textos posteriores para observar as mudanzas e constantes operadas no discurso.

Ana Acuña levou á mesa redonda a relación de Murguía coa literatura popular, tanto como estudoso desta manifestación cultural coma a través da súa propia obra literaria, entre outras perspectivas. A profesora da Universidade de Vigo salienta que cómpre aínda estudar a creación do autor de base tradicional e revisar o seu valor literario e, por outra banda, recoñece o interese que o intelectual demostrou pola preservación da literatura oral, da que promoveu a recolla. “O labor de Murguía, a pesar da posible manipulación dos textos populares ou da variedade de denominacións aplicadas por el, é importantísimo por prestarlles atención e por preocuparse de intercambiar os seus coñecementos e solicitar colaboracións para o Boletín da Real Academia Galega sobre o tema”, valorou. O primeiro presidente da RAG cumpriu así o pedimento explicitado polos galegos da Habana que formaban parte da Asociación Iniciadora e Protectora da RAG, segundo el mesmo manifestou por carta a Casto Sampedro.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.