spot_img
InicioVal MiñorBaionaA sostenibilidade da pesca centrou a primeira xornada do Blue Atlantic Forum...

A sostenibilidade da pesca centrou a primeira xornada do Blue Atlantic Forum de Baiona

A sostenibilidade da pesca centrou a primeira xornada do Blue Atlantic Forum de BaionaAs xornadas, organizadas polo Concello de Baiona celébranse no Parador de Baiona ata o venres

Revista COUSAS DE Nº15

O Parador de Baiona acolle ata o venres a segunda edición do BLUE ATLANTIC FORUM, tres xornadas de reflexión centradas en sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro.

No arranque das xornadas, o alcalde de Baiona salientou a importancia de eventos como este: “Se importante é poñer un proxecto en marcha, moito máis importante é ratificalo e sobre todo  darlle contido e continuidade. Desde o Concello  de Baiona quixemos seguir con este interesante proxecto que iniciou os seus pasos o ano pasado e con esta segunda edición seguimos apostando por este espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea:  O Blue Atlantic Forum”.

Goméz Prado destacou que “O desenvolvemento económico debe de ser sostible. Baiona atópase ante o reto de adaptarse ás novas circunstancias. Buscaremos unha nova estratexia de economía azul coa  que potenciaremos a creación de empresas e postos de traballo de calidade en diversos sectores. Con esta nova medida de goberno abriremos un mar de oportunidades, sumando competitividade económica e sustentabilidade ambiental. Entendemos que o éxito dos proxectos fano as persoas e por iso,  faremos especial fincapé en implicar aos  tres sectores da economía azul (pesca e acuicultura; biotecnoloxía e turismo) e ao conxunto da cidadanía no proxecto”.

Na inauguración do foro tamén interviron Juan Ignacio Gandarías director xeral de ordenación pesqueira a acuicutultura do Ministerio de Pesca,  Susana Rodríguez, directora xeral de desenvolvemento pesqueiro da Xunta de Galicia e Iria Lamas, deputada de transición ecolóxica e medio ambiente da Deputación de Pontevedra.

Na primeira xornada do foro a sostenibilidade da pesca foi o centro do debate, con especial atención na pesca artesanal.  Representantes de ARVI, ANFACO e productores debatiron sobre a responsabilidade de todo o sector salientando ademais que  a sostenibilidade debe ter tres facetas, todas conectadas:  ambiental, económica  e social  e que ser sostible ten un coste económico que hai que asumir. Tamén se analizou a situación actual dos caladeros onde hai restriccións para a flota española, a lei de pesca sostible que está en trámite parlamentario e a relación necesaria entre a pesca de baixura e altura, que son ecosistemas relacionados e non poden subsistir a unha sen a outra.

A certificación do peixe para reforzar a súa calidade foi outro dos temas tratados este mércores, coas aportacións de productores e comercializadores que amosaron a súa preocupación por conseguir sistemas de certificación de orixe, pero tamén de calidade do producto  e reflexionaron sobre un problema común en todas as zonas de pesca: o furtivismo e as prácticas ilegais.  Nesta xornada ademais se salientou o traballo en Chile da Fundación CocinaMar, na que traballa Maylin Tang, que tenta unir a pesca artesanal co respeto ao producto e a gastronomía. As posibilidades de financiamento de proxectos da economía azul tamén se trataron no foro, cos relatorios de responsables de ABANCA e do GALP Ría de Vigo-A Guarda que explicaron as súas liñas específicas de financiamento para proxectos pesqueiros ou de emprendemento nesta área.

A biotecnoloxía mariña e as súas aplicacións no control de toxinas e contaminantes serán as protagonistas das intervencións da segunda xornada do foro. O das biotoxinas é un sector emerxente e con grandes oportunidades para a economía galega. No Blue Atlantic forum debaterase sobre o potencial das rías galegas neste eido, coa presenza de diversos exemplos de innovación no sector, tanto locais como de fora de Galicia.

Grazas á organización desta segunda edición, financiada polo Galp Ría de Vigo-A Guarda, o Concello de Baiona reforza a súa posición como destino azul por excelencia dentro do panorama autonómico e nacional, tanto pola súa situación xeográfica como pola súa importancia económica das empresas dos sectores consolidados e emerxentes da economía azul na súa contorna.

O foro está aberto e a inscrición para seguilo tanto presencialmente como online é gratuíta para os interesados, que poden inscribirse a través de Ataquilla, xa que as prazas para acudir ao Parador son limitadas. Toda a información sobre o contido e o programa do foro pódese atopar na páxina web https://blueatlanticforum.org/.

*Pódese asistir de forma física (prazas limitadas) e online dende o enlace de Ataquilla:

https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/varios/parador-de-baiona/14648–blue-atlantic-forum-2022.html

- Publicidade -spot_img