Inicio Val Miñor Nigrán A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano da...

A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano da Idade Moderna miñoran

A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano da Idade Moderna miñoran
Unica-porta-roaninica-conservada-na-igrexa

Aos veciños/as da parroquia e ao seu abade X.M. Lence García pola súa axuda.

O culto mariano en Galicia igualou espazos urbanos e rurais, unificounos na devoción á Nai de Xesús baixo as súas distintas advocacións en santuarios ou templos parroquiais en forma de confraría ou simple retablo na honra da Nosa Señora do Rosario.

Un exemplo. Baredo recoñece como patroa a Santa María, baixo o título da Cela, en recordo do lugar onde se venerou por vez primeira aquela imaxe aparecida nas pedras da Arquiña, ao pé da Cela Vella. Se en tempos do Cisma de Inglaterra unha imaxe co neno apareceu en terra, traída polo mar, con capela xa documentada en 1563[1] e confraría nos ano 90 dese mesmo século[2], outra imaxe mariana chegaría polo bravío océano a Baiona en 1802 con destino a Nigrán.

Unica-porta-roaninica-conservada-na-igrexa
Parada-de-Minoor-ao-pe-do-Monte-Castelo

Sabémolo porque, unha advertencia ao inicio do Libro de Qventas de la Virgen de la Salvd[3] de Santiago de Parada, indica como a Virxe  “fue remitida desde la ciudad de Sevilla por devoción de Don Domingo Román, natural de esta feligresía de Santiago de Parada, cuya imagen ofreció remitir el año que subcedió la pestilencia en aquella ciudad y la de Cádiz, y fue conducida por mar hasta el puerto de la villa de Bayona”. Domingo Román reflexou deste xeito a súa devoción e mostra de agradecemento pola intercesión, pero tamén o desexo de perpetuar a súa memoria entre os paisanos de Parada. Unha mostra de gratitude, ao fin e ao cabo, cara o lugar onde nacera, como moitos outros americanos facían nos tempos modernos.

Parada-de-Minoor-ao-pe-do-Monte-Castelo

Nosa Virxe da Saúde,

ten un caravel no rostro,

que llo deron os romeiros

o día cinco de agosto.

A Virxe embarcouse dende o peirao baionés, para seguir a súa travesía, polo río Miñor ata o punto da Ramallosa onde, descargada, foi acompañada por dous músicos e gran xentío ata o seu novo templo onde se instala o 19 de setembro de 1802, sendo cura vicario, Francisco Andrés de Barros, natural de San Salvador de Padróns (Ponteareas).

A súa chegada levou á feitura dun anda, do camarín, encargado ao escultor de Parada Gregorio Estévez por 1000 reais ou a pintura de “tres quadros” e “dos tarxetas de tabla con la inscripción de los enfermos que sanaron” que axudaba na difusión do santuario chamado a ser, o último gran santuario mariano xurdido tardiamente na Idade Moderna miñorana. Pero a Virxe establecíase nunha igrexa de pouso románico, de nave única rectangular, cuberta de madeira a dobre vertente e ábsida semicircular baixo bóveda de cascarón e canón apuntado (Bango,2012:885).

A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano da Idade Moderna miñoran
Canzorros-de-decoracion-zoomorfa-.j

O aumento da devoción naquel antigo templo é patente na chegada de esmolas en millo, trigo, viño, touciño, mazás, liño, roupas, hábitos, xoias, animais ou cera “en forma de miembros”. En 1804 o primeiro abade D. Francisco Cristóbal Costas disporía suspender as colectas entre a parroquia “no sólo por no desfalcar sus vecinos, sino porque no mengue la con que deben contribuír para sostener dichas cofradías en que tienen mucho interés”.

Tal esplendor lograra o novo culto que xa en 1807 aportara 300 reais entre os mozos da parroquia que foran combater ós franceses.

Detalle-do-capitel-dereito-e-decoracion

De que en Parada había riquezas que demandar déronse conta tamén os amigos do alleo que non tardarían en saquear a igrexa en 1822 levándose máis de 1100 reais. En 1838, ante o medo polos furtos que houbo en Baiona e Mañufe, repartiríanse algunhas xoias entre particulares “de orde”: o comandante Francisco Fernández levou o pedestal e cruz parroquial, Benito Quirós o cáliz maior, Juan Manuel Figueiró a copa do viril e Benito Alborés “el cáliz que está imperfecto”[4].

A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano da Idade Moderna miñoran
Portada-do-seculo-XIX

Mentres tanto, cada primeiro domingo de agosto, os romeiros seguían enchendo o santuario e adro da Saúde como o facían o terceiro domingo na celebración das Angustias ou en setembro polo San Cosme de Baiona. Estas outras romarías permitiron ao longo de todo o século XIX, que os ingresos por esmolas se mantiveran estables pois, aínda que pareza difícil pola distancia que separa aos santuarios, na véspera e día das Angustias igual que en San Cosme, algúns romeiros no seu camiño desprazábanse ata Parada visitar á Nosa Señora da Saúde. E viñan igualmente abades de Tomiño, Tebra, Forcadela, Estás, Barrantes, Pazos de Reis, A Guía, val da Louriña ou Fragoso dos que se queixaba, ante o bispo en 1850, o clérigo Orosa de Camos porque, por camiños e carreiros, pedían aos romeiros “que ban de rodillas a complir sus ofertas” dicir misas[5].

A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano da Idade Moderna miñoran
Moncho Chamorro Domínguez como costaleiro (1-¦esquerda) na procesión do 7 de agosto de 1960. Parada de Miñor. De REY LAMA, L.A. (2017) Baiona. Los Goce y los Den+¡s. Segunda parte, p.120

Ao longo do século XX, os ingresos do santuario foron parar ao seu mantemento, reparación do adro ou casa de obra e funcións relixiosas. O esplendor destas últimas, a onde se destinaban boa parte dos ingresos, ía da man dunha maior atracción de fieis. Alumeado, globos, fogos chegados de Rebordáns (1928), do fogueteiro de Nigrán José Piñeiro (1926) ou dos porriñeses Francisco Sequeiros e Manuel Rodríguez.

Baixo o repique das campás, tocaron os gaiteiros de Mañufe, Lavadores e incluso o de Camos, ao que se pagaría 130 pesetas “incluso el ruído” en 1909. O acompañamento das músicas de Baiona, Coruxo, Priegue ou Porriño non faltaron tampouco na parte da festa profana, só paralizada entre 1936 e 1938 debido a Guerra Civil española. A comida e durmida da Garda Civil, como encargada de velar pola paz e sosego das romarías, correu tamén a costa do santuario neste tempo.

A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano da Idade Moderna miñoran
A Saúde de Parada de Miñor: O último santuario mariano

O libro de contas finalizado en setembro de 1960, sendo abade D. Jesús Montero Barrera, é a mostra palpable do devir do tempo nun santuario cheo de vitalidade e activo aínda nos nosos días.

*📷✏️ Anxo Rodríguez Lemos, Historiador e doutorando na Universidade de Santiago de Compostela

PARA SABER MÁIS:

La Virgen de la Salud: 200 años en el Miñor. Santiago de Parada.

Bango Torviso, I.G. & Valle Pérez, J.C. (coord.) (2012) Enciclopedia del románico en Galicia. Pontevedra. Vol. II. Fundación Santa María La Real, Centro de Estudios del Románico. Aguilar de Campoo. pp.885-891.

[1] García Oro, J & Portela Silva, M.J. (2003) Baiona de Miñor en sus documentos: actas municipales correspondientes al siglo XVI. Pontevedra: Deputación Provicinal de Pontevedra. Existiron obras en 1563 para as que se mandaron “veinte e dos moyos de teja quebrada e sana” procedentes da Casa de Çamudio situada no alto de Monte Real.

[2] Arquivo Histórico Municipal de Baiona (AHMB), LEG.35-EXP.11. 159[?], xuño, 21. Baiona.

[3] Arquivo parroquial de Santiago de Parada de Miñor.

[4] Arquivo Histórico Diocesano de Tui (AHDT), Santiago de Parada, 1. Libro de fábrica (1831-1978), 10r-10v.

[5] Arquivo Histórico Diocesano de Tui, Fondo: Santiago de Parada, Carp. Santuario de la Virgen de la Salud. Hasta 1900.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies