O Pazo de Mos acolleu a presentación da nova saída e actividades relacionadas con “La Vuelta” ciclista. Presentaron o acto Nidia Arévalo, Alcaldesa de Mos; Javier Guillén, Director de “La Vuelta”; Óscar Pereiro, Embaixador de “La Vuelta – Mos” e Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia.
Na rolda de prensa, o Director de “La Vuelta” Javier Guillén expuxo as novidades do cambio de data, os municipios participantes e deu a información sobre o percorrido da 15ª etapa. Nidia Arévalo pola súa parte, presentou as actividades previas á saída do 5 de novembro relacionadas co eido musical, artístico, educativo, cultural e deportivo do Concello de Mos.
Durante a presentación do programa de actividades que o Concello de Mos ten previsto desenvolver co gallo da celebración desta etapa en terras mosenses, a directora de Tursimo de Galicia lembrou os fondos vencellos que unen Mos co Camiño de Santiago e destacou que a celebración desta importante proba deportiva é tamén unha oportunidade para visibilizar o Camiño Portugués fronte as multitudinarias audiencias que reúne a retransmisión desta proba deportiva.
La Vuelta Ciclista a España, que se disputará entre o 20 de outubro e o 8 de novembro, pasará polas catro provincias galegas ao longo de tres etapas: a 13ª entre Muros e o Mirador do Ézaro, a 14ª na que rodarán na Ribeira Sacra, entre Lugo e Ourense, e a 15ª que sairá de Mos en dirección a Puebla de Sanabria.




