spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Ruta do Viño recibiu 190.000 euros de fondos públicos en tres...

A Ruta do Viño recibiu 190.000 euros de fondos públicos en tres anos sen apenas retorno para as adegas e perdendo posicións no ránking de visitas

ruta-do-vino-recibiu-190-000-euros-de-fondos-publicos-en-tres-anos-sen-apenas-retorno-para-as-adegas-e-perdendo-posicions-no-ranking-de-visitas

A Deputación plantexará ao sector vitivinícola da provincia unha profunda reforma da ‘Ruta do Viño Rías Baixas’ ante os ínfimos resultados do proxecto.

O novo goberno da Deputación de Pontevedra replantexará por completo o modelo da Ruta do Viño Rías Baixas  da man dos adegueiros da provincia despois de coñecer os datos que revelan o absoluto fracaso do convenio que asinou o anterior executivo provincial coa Asociación que a xestiona, e que supuxo un enorme gasto público sen reversión nin económica, nin de consolidación da Ruta.

comillasO Goberno de Carmela Silva reunirá a adegas e hostaleiros para reformular o modelo e establecer un plan de actuación a partir dunha auditoría interna

Foi o propio colectivo de adegas, hoteis e restaurantes o que expresou as súas queixas ao actual Goberno da Deputación de que se estivesen financiando con diñeiro público accións que non provocaron practicamente ningún retorno para o sector, que non puxeron en valor a marca da Ruta e que en todo caso non melloraron o tecido socioeconómico das comarcas na que está implementada. Os adegueiros coinciden na necesidade dun replantexamento ante a falta de organización, accións con escaso resultado de visitas, adegas pechadas que deberían ser visitadas, actividades dirixidas a grupos de persoas da propia Asociación que xestiona a Ruta ou o escaso apoio de entidades locais. De feito o esforzo que fixeron moitas das adegas da provincia para atraer visitas foi de forma individual e sen apoios.

O anterior goberno da Deputación asinou en 2012 un convenio por tres anos que en total supuxo un investimento de 190.000 euros de fondos públicos que, teoricamente, deberían destinarse a financiar actividades para a promoción e posta en valor da Ruta do Viño, que a situase en mellor posición no ránking de visitas e que garantise un retorno económico para adegueiros e hostaleiros asociados. Con todo, os datos demostran un fracaso absoluto.

Segundo os informes de ACEVIN,  a Ruta pasou do sexto posto ao sétimo e foi superada por outras rutas moito menos importantes como a da Rioxa Alta ou a do Empordá. Ademais, as xustificacións dos convenios coa Deputación entre 2012 e 2014 revelan que se pagaron á Ruta do Viño gastos de funcionamento diario, algo prohibido pola lei de subvencións, como foi o pago de impresoras,  cámaras fotográficas, ordenadores, ou mesmo o tonner ou as pólizas de seguro. É dicir, a Ruta do Viño financiou a súa xestión diaria cunha parte importante destes fondos públicos da Deputación no canto de dedicalos á promoción e consolidación, accións que realmente tivesen retorno para os adegueiros. De feito, en 2014 xustificouse un total de 70.000 euros, e ata un 20% dese importe correspondeu a gastos en comidas e viaxes sen xustificar, hoteis, voos e restaurantes de luxo. É máis, só un 9% correspondeu a gastos dirixidos a actividades que, ademais, tiveron un ínfimo resultado en número de visitantes. Hai exemplos: só 16 persoas participaron nunha actividade de ioga entre viñedos; pouco máis de 50 visitantes en descensos en kaiak, unha media de 20 persoas nos concursos de redes sociais ou unha xornada de vendima na que as imaxes para a xustificación só mostra a 4 persoas e unha guía.

Ante semellante  situación o novo goberno da Deputación de Pontevedra coincide plenamente co sector na necesidade dunha completa reformulación da Ruta e deixa claro que seguirá apostando por ela pero cun prisma político e económico absolutamente diferente. O executivo provincial mantén a súa total aposta polo sector vitivinícola e o enoturismo como un dos eixos de maior potencialidade para a provincia, polo que convocará a adegueiros e hostaleiros a definir un novo modelo. Para iso exporá unha auditoría interna da Ruta para establecer un Plan de mellora que permita situala no mapa, garanta un retorno efectivo ás adegas, fixe o apoio aos pequenos adegueiros, busque unha maior implicación das empresas e dos concellos que son socios da Ruta, evalúe o servizo prestado, cre un inventario de recursos e permita redactar un Plan de Calidade.

- Publicidade -spot_img