spot_img
InicioO SalnésA Ruta da Pedra e da Auga, principal destino turístico de Ribadumia

A Ruta da Pedra e da Auga, principal destino turístico de Ribadumia

Ruta-da-Pedra-da-Auga-principal-destino-turístico-Ribadumia

A oficina de Turismo de Ribadumia recibiu en medio case un centenar de visitantes, e como era de esperar, a Ruta da Pedra e da Auga continúa a ser a principal demanda turística do noso municipio.

Dos visitantes que se achegaron, a maioría veñen de Madrid, aínda que tamén visitaron o municipio peregrinos do camiño Portugués para facer o selo, visitantes do norte do país, e de fora de España ingleses e franceses interesados nas bodegas e nas rutas de sendeirismo.

A Ruta da Pedra e da Auga continúa sendo o recurso máis demandado entre os visitantes. A ruta, que discorre polos concellos de Ribadumia e Meis, trátase dun vello camiño que se percorría tradicionalmente o luns de Pascua cara ó mosteiro de Armenteira, e ó noso Concello correspóndelle o primeiro tramo.

Esta é a parte dos muíño de Barrantes, que conta con seis muíños restaurados afamados tanto pola conservación, coma pola beleza da paisaxe que os envolve.

Visitas guiadas

Por outro lado, a oficina de Turismo ofrecerá mañá a primeira visita guiada a 70 persoas interesadas na afamada ruta. O guía percorrerá o primeiro tramo da ruta, de dificultade baixa, xunto ós integrantes do primeiro grupo grande que organiza a oficina, e alí explicará as curiosidades e as riquezas culturais e naturais que a ruta pretende  amosar.

Ademais da beleza natural, a ruta tamén suxire moito interese porque pon en valor a antiga forma de vida de moitas persoas destes municipios e que agora teñen a oportunidade de transmitir ás xeracións máis mozas.

Os interesados en recibir unha visita guiada gratuíta pola ruta poden poñerse en contacto coa oficina no seguinte número: 986710499, e será o guía o encargado de organizar os grupos.

O Concello de Ribadumia quere recordar que a oficina, aberta dende mediados do mes pasado, estará aberta durante todo o verán en horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas e sábado e domingo de 11:00 a 14:00 horas.

 

- Publicidade -spot_img