spot_img
InicioVigo e áreaVigoA Real Academia Galega inaugura este martes a Primavera das Letras de...

A Real Academia Galega inaugura este martes a Primavera das Letras de Xela Arias no colexio de Vigo onde estudou

.A Real Academia Galega inaugura este martes a Primavera das Letras de Xela Arias no colexio de Vigo onde estudouO presidente da RAG e a académica Fina Casalderrey presentarán este martes o proxecto, dirixido aos nenos e nenas no CEIP Sárdoma-Moledo, xunto á comunidade educativa e a familia da protagonista do Día das Letras Galegas 2021

A Real Academia Galega inaugurará este martes, 2 de marzo, a Primavera das Letras dedicada a Xela Arias no CEIP Sárdoma-Moledo, o colexio de Vigo onde estudou de nena a escritora e tradutora á que a institución lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey presentarán a partir das 10:30 horas o proxecto dirixido ao alumnado de infantil e primaria nun acto no que participará a familia da homenaxeada canda a comunidade educativa de Sárdoma-Moledo. Previamente descubrirase unha placa de homenaxe do centro educativo á autora.

Primavera das Letras fornecerá os nenos e nenas de recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e a obra de Xela Arias dende a páxina web primaveradasletras.gal. A presentación desta iniciativa que a Real Academia Galega desenvolve co apoio da Deputación da Coruña terá lugar nas vésperas do aniversario da autora, nada o 4 de marzo de 1962 en Sarria. Tras vivir neste concello –primeiro– e Lugo –despois–, Xela Arias estableceuse coa familia en Vigo, a cidade onde viviu dende os sete anos ata o seu pasamento en 2003.

A nova edición de Primavera das Letras súmase á oferta dixital da páxina web institucional da RAG, onde está activa dende xaneiro a sección das Letras Galegas 2021. Este espazo en permanente actualización ofrece xa a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño, nai da autora–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos. Esta fiestra virtual dará tamén acubillo a propostas audiovisuais sobre a poeta e tradutora que serán presentadas proximamente.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.