Inicio O Morrazo Bueu A quinta edición dos Premios Sofía Novoa distingue a catro universitarias do...

A quinta edición dos Premios Sofía Novoa distingue a catro universitarias do Morrazo

A quinta edición dos Premios Sofía Novoa distingue a catro universitarias do MorrazoA Deputación de Pontevedra distingue o compromiso coa perspectiva de xénero de María Tenorio Solla, Judit Cerviño Malvido, Patricia Torres Ferradas e Andrea López Pastoriza

Catro estudantes da Universidade de Vigo, tres delas veciñas de Bueu e unha de Moaña, son as distinguidas na quinta edición dos Premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra recoñece cada ano a inclusión da perspectiva de xénero nos Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster dos campus de Pontevedra e Vigo. O xurado decidiu galardoar os TFG elaborados por María Tenorio Solla, Judit Cerviño Malvido e Patricia Torres Ferradas, as tres veciñas de Bueu, e o TFM de Andrea López Pastoriza, de Moaña.

No caso dos Traballos de Fin de Grao, María Tenorio e Judit Cerviño gañaron os dous premios dotados con 1.000 euros cada un. No primeiro caso, o TFG de Tenorio, graduada en Comunicación Audiovisual pola Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, leva por título “Miradas cruzadas: unha visión comparada sobre o tratamento informativo da cuarta ola feminista trala irrupción do movemento #MeToo en España e Brasil: El País e Folha de Sao Paulo (2017-2018)”. Pola súa banda, Judit Cerviño, graduada en Educación Infantil na Facultade de Ciencias de Educación de Pontevedra, foi recoñecida pola obra “Traballar con perspectiva de xénero a publicidade en educación infantil”. Amais, Patricia Torres Ferradas, graduada en Educación Primaria, gañou o accésit de 600 euros polo traballo “As saídas didácticas na Educación Primaria para o ensino das ciencias con enfoque coeducativo”.

No que atinxe aos Traballos de Fin de Máster, Andrea López Pastoriza foi galardoada cun premio de 1.000 euros por “Trazos de xénero na configuración da identidade e orientación do alumnado na Educación Secundaria Obrigatoria”. López, que xa gañara na edición de 2018 dos Sofía Novoa outro premio por un TFM, realizou o traballo deste 2020 para o Máster en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social que cursou na Facultade de Ciencias Xurídicas e Traballo do campus de Vigo.

Os Premios, que se entregarán en xaneiro, recoñecen a inclusión da perspectiva de xénero nos Traballos de Fin de Grao e Fin de Máster da Uvigo

Con esta nova edición dos premios Sofía Novoa a Deputación de Pontevedra continúa apostando por apoiar traballos e iniciativas que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade. Amais estes galardóns poñen en valor e visibilizan a figura histórica de Sofía Novoa, unha muller silenciada e esquecida nos libros.

Amais da deputada de igualdade Victoria Alonso, integraron o xurado Noemí Outeda, deputada de Centros Educativos; María Lorenzo Rial, didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo (campus Pontevedra); Silvia Pérez Freire, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra); Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación e Ana Isabel Amoedo, técnica do citado Servizo. A entrega dos galardóns está prevista para o vindeiro mes de xaneiro.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies