spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA provincia de Pontevedra converterase o próximo novembro no epicentro estatal da...

A provincia de Pontevedra converterase o próximo novembro no epicentro estatal da Ruta dos Fenicios

A Rede Estatal da Ruta dos Fenicios seleccionou á Deputación de Pontevedra para liderar a promoción e difusión na fachada atlántica da denominada “Ruta das Kassitérides

A provincia de Pontevedra converterase o próximo novembro no epicentro estatal da Ruta dos Fenicios ao acoller a Asemblea Estatal deste itinerario cultural. Deste xeito, e co fin de ir preparando o encontro, a Deputación de Pontevedra promove unha xornada titulada “Rías Baixas na Ruta das Kassitérides, ¿mito ou realidade?”, na que participarán os historiadores Arturo Ruiz, Manuel Peregrina e Rafael Rodríguez. Será o vindeiro martes, 24 de abril, a partir das 18.00 horas no salón de actos do Edificio Administrativo da institución.

A Deputación acollerá o martes a xornada “Rías Baixas na Ruta das Kassitérides, ¿mito ou realidade?” cos historiadores Arturo Ruiz, Manuel Peregrina e Rafael Rodríguez

A xornada comezará ás 18.00 horas coa benvida da deputada provincial Montse Magallanes. A continuación, o arqueólogo da Deputación, Rafael María Rodríguez, impartirá a ponencia “Rías Baixas na ruta das Kassitérides, ¿mito ou realidade?”. Rodríguez ten participado en prospeccións arqueolóxicas e recuperacións patrimoniais de xacementos como os da Lanzada, Monte do Castro ou Santa Trega. Ademais, ten presentado investigacións en congresos nacionais e internacionais celebrados en diferentes lugares do mundo como Roma ou Sevilla e publicado artigos e traballos sobre o comercio mediterráneo nos castros, os púnicos ou sobre Lanceata.

Ás 19.00 horas Arturo Ruiz Rodríguez e Manuel Peregrina Palomares falarán sobre “A Ruta dos Fenicios. Itinerario Cultural Europeo”.  Ruiz Rodríguez é catedrático de Prehistoria na Universidade de Jaén desde 1991 e director científico da Ruta dos Fenicios, así como do Instituto Universitario de Investigación en Arqueoloxía Ibérica da Universidade de Jaén; durante a súa traxectoria profesional ten publicado máis de 200 materiais relacionadas coa arqueoloxía. Pola súa banda, Peregrina Palomares é coordinador e secretario técnico da Ruta dos Fenicios en España e xerente dunha empresa de xestión cultural e ocio.

A Deputación de Pontevedra pertence á rede estatal española Ruta dos Fenicios tras ter descuberto restos fenicios e púnicos e documentalos nos xacementos de Monte do Castro (Ribadumia), A Lanzada (Sanxenxo), Monte do Facho (Cangas) e Punta do Muíño do Vento (Vigo), sendo o territorio máis meridional da Ruta, ademais de ser o primeiro alleo ao Mediterraneo.  A Ruta dos Fenicios trátase dun itinerario cultural internacional, recoñecido polo Consello de Europa, que atravesa 18 países e une tres continentes, conectando as grandes rutas marítimas empregadas pola civilización fenicia desde o século XII A.C.

A Rede Estatal Española da Ruta dos Fenicios seleccionou á Deputación de Pontevedra para liderar a promoción e difusión na fachada atlántica peninsular da denominada “Ruta das Kassitérides”, o camiño desenvolvido polos fenicios para abastecerse de estaño na antigüidade e que podería non estar localizado nas illas británicas (como se pensaba ata o de agora) senón nas Rías Baixas.  Por este motivo, o vindeiro novembro será a provincia de Pontevedra a que acollerá a Asemblea da Rede Estatal Española do Itinerario Cultural Europeo e dará cita ás entidades integrantes, de diferentes puntos da xeografía nacional, da asociación.

Co fin de preparar á provincia para este importante acontecemento, celebrado na anterior edición en Ibiza, a Deputación de Pontevedra acolle e acollerá nos vindeiros meses a persoas relacionadas coa difusión da Ruta das Kassitérides. Neste caso, serán o director científico da Ruta e o coodinador e secretario técnico os que visiten a provincia para espallar a importancia deste itinerario cultural.

As persoas interesadas en participar na xornada titulada “Rías Baixas na Ruta das Kassitérides, ¿mito ou realidade?” poderán inscribirse a través do correo electrónico info.riasbaixas@depo.es.

 

- Publicidade -spot_img