A asociación de concellos e deputacións achega 9.825 euros a este proxecto, que inclúe o envío de materiais de protección e equipos de comunicación
A asociación Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal) imparte este verán formación a un milleiro de bombeiras e bombeiros en Perú, dentro dun proxecto financiado con 9.825 euros polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O obxectivo da iniciativa, que tamén inclúe o envío de materiais de protección e equipos de comunicación, é reducir a vulnerabilidade fronte os incendios forestais.
Perú está a experimentar un aumento na frecuencia e intensidade dos incendios, ata o punto de que o ano pasado sufriu unha vaga de lumes que deixou 20 persoas mortas, 3.000 damnificadas e 35.000 hectáreas arrasadas en 22 rexións. O cambio climático, as queimas agrícolas e a deforestación acentúan este fenómeno. Neste contexto, búscase fortalecer as capacidades locais de prevención e resposta, co fin de reducir a incidencia e severidade dos lumes e mitigar así o seu impacto no medio natural e na vida das persoas.
Membros de Briegal, xunto con Bomberos Unidos Sin Fronteras, imparten formacións a efectivos de dez departamentos do país andino, aos que se sumou un grupo de brigadistas bolivianos. O programa inclúe capacitación no uso e mantemento dos EPI -doados pola Xunta de Galicia- para garantir a seguridade nas intervencións, así como habilidades para sensibilizar a poboación. Durante as prácticas dun dos cursos en Puno, coincidiu que se declarou un incendio a poucos quilómetros e conseguiron extinguilo, demostrando así a eficacia da preparación adquirida e a importancia da coordinación ante unha emerxencia.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 117 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.



