As instalacións foron inauguradas hoxe para iniciar mañá a súa actividade coas primeiras inspeccións de vehículos
A estación de servizo para a Inspección Técnica de Vehículos é xa unha realidade en Porto do Molle despois de que hoxe fose inaugurada polas autoridades para comezar mañá coa súa actividade.
Cun investimento de 2 millóns de euros por parte da empresa Supervisión y Control, a ITV de Porto do Molle creará 8 postos de traballo e terá unha capacidade máxima inicial de 40.000 inspecciones ao ano, unha cifra que medrará en anos próximos ata superar as 50.000.
O recinto conta con tres liñas de inspección: unha para automóbiles lixeiros e dúas máis para todo tipo de vehículos. A ITV de Nigrán aposta pola innovación, co emprego de tablets, sistemas de comunicación avanzados e probas de freado que simulan condicións reais de circulación. Deste xeito, facilítase o traballo do persoal, ao tempo que se mellora a atención dos clientes.
Esta é a primeira estación de toda Galicia en construírse de xeito modular, agrupando tódolos equipos de supervisión e control nun único punto unificado e compacto para que poida ampliarse no futuro sen afectar en absoluto ao seu funcionamento e ao que xa está feito.
É unha das poucas da comunidade e a única da área de Vigo en prescindir por completo do papel, xa que os empregados traballarán mediante aplicacións vía Wi-fi. Os propios condutores que estean esperando a súa quenda na estación serán chamados á revisión mediante un dispositivo control remoto que se lles entregará na entrada. Ademais, paneis solares cubrirán tódalas necesidades de auga quente da estación.
Sen dúvida, a nova ITV de Nigrán contribuirá a mellorar a prestación do servizo aos residentes na zona de Val Miñor, así como a impulsar a competitividade no polígono empresarial de Porto do Molle, além de supoñer un aforro de tempo e diñeiro nos desprazamentos aos veciños e veciñas da comarca.




