O concerto, ao que asistiu alumnado da ESO, foi unha homenaxe “ás mulleres valentes” encarnadas na figura da mítica bandoleira Pepa a Loba
A deputada de Igualdade Isaura Abelairas, acompañada pola comisaria Paula Cabaleiro, e a concelleira de Igualdade de Soutomaior, Cristina González Piedras, asistiron esta mañá ao espectáculo musical ofrecido pola artista “Iria a de Constanza” no Multiusos de Arcade, unha iniciativa enmarcada dentro do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia Zero“, que ten por obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a lacra e consecuencias do machismo, así como por en valor os traballos realizados por novas artistas galegas que presentan un firme discurso a prol da igualdade de xénero. Tamén estiveron presentes no acto alumnado da ESO do CPI Manuel Padín Truiteiro e do Colexio Santiago Apóstol.
A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas destacou a importancia desta iniciativa da Deputación de Pontevedra que pretende fomentar unha actitude crítica fronte á violencia machista e educar na igualdade ás rapazas e rapaces máis novos, e aproveitou a ocasión para condenar e lamentar os terribles 26 asasinatos machistas que se produciron no que van de ano, dous deles en Galicia.
O espectáculo, titulado “Corda”, consistiu nun pequeno concerto performático de violín combinado con interaccións co público e co espazo. Iria a de Constanza interpretou un repertorio de temas propios cos que quixo “homenaxear ás mulleres valentes” centrándose na figura da lendaria e mítica bandoleira galega Pepa a Loba como exemplo dunha de tantas mulleres que ao logo da historia foron tratadas inxustamente como tolas por terse rebelado e ter loitado contra o abuso do poder, unha loucura que a miúdo serviu “de escusa e motivo para a represión, violencia e illamento”.
Iria a de Constanza comezou os seus estudos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, para máis adiante rematar a súa formación en México. Forma parte, xunto con outras relevantes artistas contemporáneas galegas, das integrantes desta edición do programa “Mulleres en acción. Violencia zero”, que recolle 25 accións de arte contemporánea nas súas diferentes modalidades (pintura, música, danza, teatro, poesía, graffiti ou performance), que se levarán a cabo ata novembro de 2017 en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).
As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero.



