spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra presenta o Plan de seguranza viaria 'MOVESE' aos...

A Deputación de Pontevedra presenta o Plan de seguranza viaria ‘MOVESE’ aos concellos do Val Miñor

a-deputacion-de-pontevedra-presenta-o-plan-de-seguranza-viaria-movese-aos-concellos-do-val-minor

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez e o asesor Jesús Fole explicaron hoxe en Nigrán aos representantes municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán, o Plan de Mobilidade e Velocidade Seguras (MOVESE), que pretende aumentar a seguranza viaria das estradas provinciais mediante o calmado do tráfico..

Segundo explicou o deputado Benítez, co Plan MOVESE instalaranse case 600 redutores de velocidade nas estradas provinciais de 46 concellos da provincia de Pontevedra. No caso da comarca do Val Miñor, o investimento global do Plan Móvese é de 489.934 euros, A partir de xuño instalaranse 39 pasos de peóns sobreelevados (PPS) –coñecidos como lombos de asno– e 18 redutores de velocidade para vehículos (RFVV) proxectados de maneira independente e con características técnicas adaptadas ás vías nas que se constrúen (sección, largo de vía, existencia de beirarrúas, pluviais, iluminación…). A maiores, o investimento en pintado horizontal será de 49.274,40 euros.

NIGRÁN.-  24 (PPS) e 14 (RFVV) Total inversión 337.351,85 euros

GONDOMAR.- 11 (pps) e 0 (RFVV) Total inversión 91.590,08 euros

BAIONA.- 4 (PPS) e 4 (RFVV) Total inversión 60.992,82 euros

Benítez destacou que a violencia viaria é un problema evitable causado principalmente polo exceso de velocidade, por iso desde a Deputación se quere actuar sobre ela. “Podemos poñer radares, sinais, multas, pero a única actuación efectiva para baixar velocidades e reducir accidentes e feridos é instalar redutores físicos que fagan que os coches freen”, subliñou.

O deputado incidiu na clara aposta polos redutores físicos de velocidade e os pasos de peóns sobreelevados como a fórmula máis axeitada a aplicar. “O Plan Móvese foi debatido cos concellos e foron estes quen trasladaron os puntos das estradas provinciais nos que era necesario actuar”

En canto ao traballo realizado co Plan MOVESE destacou que é un actuación na que se leva traballando desde hai máis dun ano coa participación e achegas dos concellos. De feito, foron os gobernos locais os que remitiron as súas solicitudes para instalar lombos –chegaron a ser máis dun milleiro– e logo foron valoradas polos técnicos provinciais. Practicamente actuarase en todas as vías provinciais nas que houbo solicitudes, se ben se deixaron fóra estradas nas que están previstas ou en redacción outro tipo de actuacións máis globais.

Benítez destacou que a seguranza viaria é o eixo fundamental que marcará todas as actuacións dos vindeiros tres anos nos 1.700 quilómetros do sistema viario da DEPO, que cualificou como moi particular e problemático pola súa alta accidentalidade.

Uxío Benítez: “A Dirección Xeral de Tráfico, califica o Plan Móvese como experiencia de referencia en seguranza viaria pola nosa visión novidosa para reducir a accidentalidade”

A gran dispersión de poboación na provincia, fai que os espazos de convivencia entre os coches e as persoas sexan moito máis amplos que noutras zonas do estado. “As nosas características fan que teñamos que aplicar medidas máis incisivas que outras administracións. Temos que dar solucións porque seriamos neglixentes se non actuaramos, e entendemos que a seguranza viaria só pode chegar da man do calmado do tráfico, que claramente reduce o número de accidentes mortais e a gravidade dos feridos nos sinistros”, asegurou.

Pola súa banda, o asesor provincial de Mobilidade, Jesús Fole (tamén presente), asegurou que en todo o estado hai contabilizados 1.000 quilómetros de travesías e que só na provincia de Pontevedra hai xa 300 quilómetros de estradas en solo urbano. “A realidade é que coa nosa cantidade de parroquias e lugares, se facemos un traballo de campo esa cifra oficial podería duplicarse, polo que hai que abordar o tema da seguranza viaria dun xeito serio”, asegurou, para engadir que a Deputación de Pontevedra ten un principio claro: que é preciso aplicar mecanismos físicos para controlar velocidades e que de ningún xeito se deben admitir máis de 30 quilómetros hora.

O deputado Benítez salientou que a Deputación prevé poñer en marcha unha segunda fase do Plan Móvese, que se abriría despois do verán con variacións. En canto ao inicio das obras da fase actual, o deputado explicou que na  Xunta de Goberno deste venres adxudicaranse de forma definitiva os lotes nos que se dividiu o plan na provincia para poder realizalo con máis axilidade. Para a comarca do Val Miñor –incluída no ámbito de Vigo- a empresa responsable é Acciona Construcción SA e comezará as actuacións logo de presentar a correspondente acta de replantexamento das obras, é dicir, de xeito inmediato.

 

- Publicidade -spot_img