A Deputación de Pontevedra e o CSIC inaugurarán mañá en Cambados a mostra “Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa”. Será ás 20:00 h no pazo de Torrado (rúa Príncipe, 10, Cambados) e ó acto asistirán a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, e César Parcero Oubiña, científico titular do CSIC no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit).
A exposición presenta, a través de sesenta fotografías e seis paneis, o labor e os resultados alcanzados polo Incipit en proxectos de investigación arqueolóxica e etnoarqueolóxica en nove países: Mongolia, Chile, Uruguai, Guinea Ecuatorial, Costa Rica, Perú, Xordania, Turquía e Etiopía.
A mostra, de carácter itinerante, acaba de exhibirse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e viaxará proximamente a Lalín e Vilagarcía de Arousa. En Cambados poderase visitar ata o 8 de marzo, en horario de martes a domingo, de 17:00 a 20:00 h, con entrada libre. Consta de 60 fotografías que ilustran o día a día da investigación científica, o traballo de campo e os principais resultados de seis proxectos de investigación arqueolóxica e etnoarqueolóxica realizados polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) coa colaboración de diversas entidades en nove países non europeos que presentan grandes potencialidades para o traballo arqueolóxico e destacan pola riqueza e valor do seu patrimonio cultural: Mongolia, Chile, Uruguai, Guinea Ecuatorial, Costa Rica, Perú, Xordania, Turquía e Etiopía.
“No Incipit, creado polo CSIC en 2010 con sede en Santiago de Compostela, desenvolvemos boa parte da nosa liña de investigación interdisciplinar sobre patrimonio cultural no estranxeiro, levados polo ideario de exploración da diversidade para comprender mellor a realidade social. Por iso, esta ocasión constitúe unha magnífica oportunidade para dar a coñecer o noso traballo nestes países”, destaca Felipe Criado Boado, director do Incipit.
O Incipit colaborou coa Deputación de Pontevedra nos traballos de escavación e estudo dos castros da Lanzada e Besomaño e realizou unha investigación sobre a arte rupestre de Campo Lameiro. Estas investigacións deron lugar a unha monografía publicada, ademais de numerosos artigos en revistas internacionais de impacto, así como a actividades de divulgación, implicando as comunidades locais.
A exposición consta, ademais das fotografías, de seis paneis informativos en galego e inglés nos que se presentan os principais obxectivos e resultados dos proxectos de investigación obxecto desta: “Paisaxes fortificadas e agrarias no Altiplano Andino”, “TRAMA 3. Traballo en rede para a acción multivocal en Arqueoloxía, Antropoloxía e Ambiente”, “A paisaxe cultural da montaña sagrada de Ikh Bogd Uul (Mongolia) “, “Unha arqueoloxía da resistencia en Etiopía”, “Orientatio ad Sidera” e “Das sociedades bantús ao Estado colonial en África Central”.
“Todos estes proxectos, vivos e en marcha nestes momentos, teñen en común que tratan un dos principais retos para a investigación e a sociedade na actualidade: dar conta da diversidade cultural, facilitando o diálogo e acción conxunta entre tradicións culturais diferentes. Así, as fotografías que compoñen a exposición e que nos ensinan dende a montaña sagrada Ikh Bogd Uul (Mongolia) ata o deserto de Atacama son unha porta para descubrir a diversidade no tempo, o espazo e o saber”, sinala César Parcero Oubiña, científico do CSIC no Incipit.
As fotografías reflicten as paisaxes e condicións das zonas nas que se realizan estes traballos arqueolóxicos e etnoarqueolóxicos, así como o contacto dos especialistas (europeos ou locais) coas comunidades locais. Ademais, abranguen temáticas coma as orixes da monumentalidade nas Terras Baixas do Cono Sur Americano (Uruguai), as sociedades da Idade de Ferro do Esteiro de Muni (Guinea Ecuatorial) ou a situación das minorías étnicas da fronteira etíope-sudanesa.
Tamén mostran estudos de arqueoastronomía en Xordania e Turquía e presentan diferentes exemplos dos procesos de participación das comunidades locais e étnicas na investigación, particularmente en Costa Rica, Perú e Etiopía.
Mostra itinerante con interacción do público
A Deputación de Pontevedra inclúe esta mostra na serie de exposicións itinerantes que viaxan por toda a provincia co fin de achegar a arte a todos os concellos. Deste xeito, coa colaboración da Deputación e o Museo de Pontevedra, “Diversa. Arqueoloxía dende o Incipit alén Europa” exhibirase proximamente en Lalín e Vilagarcía de Arousa.
“Esta exposición enmárcase no noso compromiso de revisar os temas das nosas investigacións dende unha perspectiva externa, analizando outras sociedades e dialogando cos seus habitantes formados noutras tradicións culturais para someter a nosa visión a unha mirada crítica dende fóra”, insiste o director do Incipit, Felipe Criado Boado, quen puntualiza que “a motivación destas investigacións en localizacións exóticas non ten nada que ver coa antiga tradición da arqueoloxía colonialista europea que estudaba outras culturas para preparar mellor o proceso de dominación destas e facilitar deste modo a drenaxe sistemática de recursos e riquezas doutras culturas polo mundo occidental. Este proceso mantivo ata agora mesmo a sociedade do benestar en Europa. A fin de contas, a actual crise tamén é consecuencia en boa medida da imposibilidade de seguir utilizando eses recursos, que agora demandan esas sociedades para si mesmas, para soster o benestar europeo”.
Precisamente por esta razón, engade Pastor Fábrega, técnico do CSIC no Incipit e coordinador da exposición, “eliximos desafiar o público a situarse xeográfica e cronoloxicamente non cos nosos esquemas coñecidos (cronoloxía antes de Cristo e un mapa mundi), senón cun sistema de referencias espazo-temporais que lle resultará menos familiar”.
Co obxectivo de fomentar a interacción do público coa exposición, o Incipit promoverá un sorteo das fotografías da mostra entre os visitantes. Este sorteo realizarase unha vez finalice a itinerancia da mostra e con base no interese mostrado polo visitante.



