É a flor de Galicia por excelencia e durante esta fin de semana protagonista absoluta no Auditorio Municipal. É a camelia, que a asociación de mulleres rurais “Albor” homenaxea cada ano coa Mostra “Bella Otero”.
Uns corenta expositores participaron nesta décimo sexta edición cos seus centros e composicións florais nos que destaca o colorido propio das distintas variedades desta especie.
Centros educativos, ANPAs, asociacións e outros colectivos valgueses e tamén coleccionistas particulares, tanto locais coma foráneos, participaron na mostra. “Cada vez hai máis coleccionistas en Valga”, sinalaba Rosa Crespo, presidenta de Albor. E a iso contribuíu precisamente a Mostra da Camelia, xa que cada ano os participantes son agasallados cun exemplar que lles axuda a ampliar as súas plantacións.
Este ano non foi moi propicio para a camelia, xa que “tanta chuvia e a falta de sol fixeron que as plantas tardaran moito en florecer”, comentaba Rosa Crespo. “Estas últimas semanas solleiras viñeron moi ben, xa que axudaron moito á floración”.
A exposición abriuse ao público o sábado pola mañá e xa pola tarde e coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, tivo lugar a entrega de agasallos. A continuación actuou a Orquestra Clásica Galega de Valga.




