spot_img
InicioVigo e áreaVigoA Illa de San Simón convértese no epicentro da creación audiovisual galega

A Illa de San Simón convértese no epicentro da creación audiovisual galega

A Illa de San Simón convértese no epicentro da creación audiovisual galegaO laboratorio creativo de desenvolvemento de proxectos cinematográficos Conecta Lab, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e que conta con financiamento europeo a través dos fondos Next Generation, está xa a converter a Illa de San Simón no epicentro da creación audiovisual galega

Revista COUSAS DE Nº17

Creadoras e creadores galegas/os como Iria Sobrado (con “Aquagym”), Alexandre Cancelo (“Grimsey”), Nacho Ozores (“La idea de un hijo”), Lidia Fraga e Jacobo Díaz (“Normal”), Irene Pin (“Terás que saltar”), Dani Viqueira (“Invisibles”) e Rafa de los Arcos (“O pesadelo das vacas”), están a traballar na illa nos seus proxectos de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar en aspectos artísticos e narrativos. A presidenta da Deputación Carmela Silva e o presidente de CREA, Fon Cortizo, veñen de visitar ás e aos participantes do programa que, amais de impulsar as súas ideas están a gozar dunha ampla programación que inclúe encontros, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas.

Trátanse, en palabras de Carmela Silva, de ideas “con historias diferentes e diversas, que reflexionan moito sobre as contornas nas que vivimos e, polo tanto, van saír proxectos moi potentes e que agardamos teñan éxito e que a xente poida desfrutar despois deles”. Neste eido remarcou que Galicia e a provincia de Pontevedra “é un territorio de grandes creadores e creadoras audiovisuais, e iso é algo que temos que impulsar, porque crea riqueza cultural, mais tamén riqueza económica, amais de que non podemos esquecer que a cultura ten un enorme poder transformador e unha grande capacidade de construír sociedades máis activas, con pensamento propio e capaces de avanzar”. Por iso, felicitou as e aos participantes deste laboratorio creativo e a CREA, “polo traballo que fixeron ata chegar aquí e a capacidade que tiveron de traer ata a Illa de San Simón ao elenco de grandes talentos coñecidos e recoñecidos do mundo audiovisual”, e lembrou a importancia de levar a cabo iniciativas como estas en lugares como San Simón, “no que houbo moito padecemento, en moitos casos de xente que defendía a cultura e os valores humanos e tivo que pagar un prezo moi caro por iso”.

Pola súa parte, o presidente de CREA, Fon Cortizo, subliñou que mediante o laboratorio creativo “acompañaremos ás e aos participantes na fase de creación, con titorías para que os seus proxectos cheguen a bo porto e farémolo, ademais, aquí, neste lugar tan simbólico como é a Illa de San Simón, para recuperar a súa historia”. Ademais informou que “contactamos con moitas persoas que desexarían estar aquí, pero por problemas de axenda non podían vir” e adiantou que están xa a traballar para repetir a experiencia no 2024, “só coa xente que contactamos para este ano xa temos asegurada e edición do ano que vén deste laboratorio audiovisual Conecta Lab”.

O laboratorio Conecta Lab

Na Illa de San Simón as e os creadoras/es audiovisuais teñen a oportunidade de participar nunha serie de encontros profesionais, mesas redondas, proxeccións e instalacións artísticas co obxectivo de xerar espazos de comunicación, formular temas de debate ou abordar aspectos innovadores da creación audiovisual. Desta maneira, na xornada inicial (martes, 11 de abril) xa recibiron a súa primeira clase maxistral sobre dossier da man de Álvaro Vega, e por diante queda falar do proceso creativo con Óliver Laxe (venres 14, 20.00 h), da construción de personaxes femininos con Icíar Bollaín (sábado 15, 18.00 h), do proceso creativo con Carlos Marqués-Marcet (domingo 16, 20.00 h) e da propiedade intelectual para profesionais da dirección e o guión con Pablo Martí (luns 17, 19.30 h). Todas as sesións son abertas ao público e poderán seguirse online con inscrición previa na web www.crea.gal ou www.depo.gal, a excepción da sesión a cargo de Icíar Bollaín, que será presencial, de acceso libre, e terá lugar no Museo MARCO de Vigo.

Conecta Lab tamén oferta outras actividades nas que participarán algúns dos nomes máis influentes dos últimos anos do audiovisual a nivel internacional, como Celia Rico, Laura Sarmiento, Alex Rodrigo, Álvaro Gago, Marjorie Bendeck, Enrique Lojo e Paula Cons. Ademais, tamén se estreitarán lazos con Portugal a través do encontro Cinema Arraiano, no que haberá unha charla con André Guiomar, Luís Costa e Mafalda Rebelo sobre o cine no país luso e as conexións con Galicia, así como unha proxección da película “Fogo Fatuo” e un coloquio co seu director, João Pedro Rodrígues. O programa complétase cun roteiro para coñecer localizacións da ría de Vigo, cunha mesa redonda sobre miradas de xénero no cinema, e coas “Derivas nocturnas”, que encherán as noites da illa de luces cunha proposta artística con interaccións entre música e cine.

- Publicidade -spot_img