·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaA illa de San Simón acolle este verán o X San Simón...

A illa de San Simón acolle este verán o X San Simón Fiddle, centrado no intercambio das músicas tradicionais de Galicia e Italia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a X edición dos encontros musicais San Simón Fiddle e a VI de Encordass.
FOTOS CONCHI PAZ

A illa de San Simón acolle este verán o X San Simón Fiddle, centrado no intercambio das músicas tradicionais de Galicia e Italia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse hoxe co director da asociación cultural Galicia Fiddle para abordar os detalles da décima edición do curso San Simón Fiddle, que acollerá este verán a Illa de San Simón. O espazo redondelán, xestionado pola Xunta de Galicia, será o escenario tamén dun novo encontro Encordass.

Nesta ocasión ambos eventos céntranse no intercambio do patrimonio cultural da música tradicional galega e italiana, enmarcada no uso dos instrumentos de corda. Neste sentido, o secretario xeral de Cultura explicou que o obxectivo é “achegar os artistas de diferentes culturas, convertendo a música nunha ferramenta de difusión da nosa cultura e de entendemento e encontro, o que supón tamén un grande enriquecemento persoal e social”. Os dous encontros celebraranse tomando as medidas necesarias para acadar as máximas garantías de seguridade sanitaria.

Campamento de formación en violín

San Simon Fiddle é unha actividade dirixida a nenas e nenos entre 7 e 18 anos, un campamento de formación en violín para os rapaces que parten dun previo coñecemento do instrumento, pero aberto tamén á constitución dun grupo de iniciación. Do 5 ao 11 de xullo, poderán mellorar as súas competencias no uso de instrumentos de corda arredor da música tradicional ao tempo que socializan nunha contorna intercultural e diversa. O marco incomparable da Illa de San Simón permitiralles tamén desenvolver a conciencia da importancia do respecto e coidado do medio ambiente e a natureza que nos rodea.

O campamento contará con cursos para a aprendizaxe de novas técnicas musicais, improvisación de ritmos, para a asimilación do repertorio característico da música tradicional galega e italiana, así como obradoiros de baile, canto e traxes tradicionais e outras actividades complementarias de carácter lúdico.

Intercambio musical con Italia

Pola súa parte, Encordass celebrarase do 2 ao 5 de xullo, constituíndo un encontro entres os músicos integrantes da asociación cultural Galicia Fiddle e varios artistas convidados, como Rémy e Vicent Boniface, Sergio Caputo, Francesco Busso, Ilio Amisano e Marta Roma.

Durante as xornadas, os participantes traballarán de xeito conxunto temas tradicionais de Galicia e Italia, descubrindo as características dos instrumentos e técnicas, o que lles permitirá tanto atopar as semellanzas como afondar nas distintas sensibilidades. As actividades completaranse con talleres de baile impartidos por expertos de Balfolk, un movemento no que músicos e bailaríns se reúnen nun espazo para a celebración e o intercambio musical, social e cultural.

O domingo 4 de xullo, como remate do curso, celebrarase un concerto no que participará todo o alumnado, así coma os mestres invitados, e que será retransmitido online.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies