·Publicidade ·
mobipark
mobipark
InicioBaixo MiñoA GuardaA guardesa Milu Rodríguez proclamouse campioa de España de 20km marcha na...

A guardesa Milu Rodríguez proclamouse campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45

Milu Rodríguez-Foto de Félix Villar
Milu Rodríguez-Foto de Félix Villar

Milu Rodríguez: “A xente preguntábame se era marchadora e eu só levaba 15 días aprendendo”

Compartimos a entrevista á atleta guardesa, Emilia Rodríguez (coñecida por todos como Milu), corredora da Sociedade Atlética do Trega de Tomiño, e que o pasado fin de semana proclamouse campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45, obtendo tamén o récord galego ao ser a primeira galega da súa categoría en enfrontar esta distancia. Un fito máis no historial da deportista, que tamén ten o récord galego en 3.000 metros en pista e en 20km na categoría Máster-40, na que competía ata fai poucos meses, todo un palmarés para quen apenas leva tres anos competindo. Pero este talento parece ser cousa de familia: As súas fillas, Elisa e Marcela Morgado Rodríguez, compiten tamén nas filas do Atletismo Trega de Tomiño, sendo campioas galegas nas categorías de sub-14 e sub-16 respectivamente.

A guardesa Milu Rodríguez proclamouse campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45De onde nace a túa paixón polo atletismo?

O atletismo en si comeza a gustarme desde moi nova grazas ao deporte escolar, xa que nos anos 80 comezaban a organizarse as primeiras olimpíadas escolares. Alí aprendín a correr e pode dicirse que o meu gusto polo deporte vén daquela época, xa que eu sempre era moi boa nos deportes, fose correndo, nadando… Debido ao traballo nunca podía dedicarlle moito tempo a isto e tamén por iso nunca competín, só saía a correr como unha actividade de lecer sen máis. Iso mudou cando deixei de traballar, penso que a frustración de non traballar me empurrou de novo a correr, foi a miña vía de escape.

Cando comezas a competir?

No deporte federado levo só tres anos, esta sería a cuarta temporada. A historia comeza porque as miñas fillas empezaron en atletismo no clube Trega de Tomiño. Elas comezaron a gañar nas carreiras populares e engancháronse do deporte da man do seu adestrador, Javi Sierpes. Javi ensináballes marcha alí aos nenos e a min  a modalidade pareceume moi curiosa desde pequena, era algo que adoitaba ver nas olimpíadas pola televisión. Atrevinme a probar e Javi animoume ir a unha carreira popular nos Cantóns na Coruña. A sorpresa foi cando comecei a deixar a todo o mundo atrás e todo o mundo me dicía “ti es marchadora non?” e eu só levaba 15 días aprendendo. Aí foi cando me enganchei (ri).

Cal é a clave do éxito?

A min dáme un subidón nas competicións cando o habitual é que a xente estea máis presionada nesa situación. Cando escoito o pistoletazo de saída saio como unha escopeta e véñome arriba. Moita xente adestra mellor do que logo compite e a min pásame todo o contrario, se fago unha marca adestrando, cando compito baixo 5 minutos ese tempo tranquilamente. A min os nervios e a adrenalina do momento actívanme. Evidentemente o adestramento é imprescindible, senón sería imposible.

Como che afecta a pandemia á hora de entrenar?

Eu vivo ás aforas da Guarda, cara a área das Loucenzas, e collo o carril-bici ata Oia, e adoito moverme nesa zona. Estes últimos 15 días que estaba preparando os 20km fíxoseme moi difícil ter que poñer a máscara. Foi moi duro, custábame moito estar todo o tempo con ela, doíame a cabeza, tiña ganas de vomitar… E menos mal que todo iso me colleu só nestes últimos 15 días antes deste campionato, senón non sería capaz de preparalo.

Cal é o seguinte paso?

A aspiración é seguir pasándoo ben, iso é o máis importante. Nós na categoría Máster, tanto homes como mulleres pasámolo moi ben. Non imos de cañas antes da competición pero si despois (ri). Temos moi boa relación. Eu levo só dous anos no campionato de España e a verdade é que te acollen como unha familia, como un clan. Por iso a miña aspiración e seguir estando nese grupo aínda que non se gañe, porque para min o importante é toda a xente que coñeces neste mundo, por iso non me imaxino deixando este deporte nun futuro a menos que teña unha lesión. Aínda que por outra parte, se as miñas fillas deixasen atletismo e se fosen a outro deporte como por exemplo o piragüismo, non descartaría en probar tampouco, eu con tal de coñecer xente e facer deporte xa estou contenta (ri).

A guardesa Milu Rodríguez proclamouse campioa de España de 20km marcha na categoría Máster-45

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies