O Concello da Guarda iniciou en xuño os trámites para formalizar o Irmanamento entre as vilas mariñeiras da Guarda e de Póvoa de Varzim, coa creación dunha Comisión integrada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, un representante de cada un dos grupos municipais e o representante da asociación O Piueiro, Tomás Núñez González.
O Irmanamento fíxose efectivo o 29 de xuño de 2022, cando unha comitiva municipal, encabezada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, se desprazou ata a cidade portuguesa, convidados polo Presidente da Camara Municipal de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira, participando en diferentes actos das Festas de S. Pedro e procedendo tamén á sinatura da “Minuta de Acordo de Germinaçao”, o documento polo que as súas vilas quedan deste xeito irmandadas.
Con motivo desta celebración o volanteiro Piueiro e a súa tripulación navegaron ata a Povoa, coa idea de estreitar lazos coa lancha do alto “Fe em Deus” e a súa tripulación, participar no irmanamento e simbolizar a unión das comunidades pesqueiras tradicionais da Guarda e da Póvoa de Varzim.
Desta volta o 23 de setembro a lancha do alto “Fe em Deus” e a súa tripulación, así coma unha comitiva municipal de Povoa de Varzim trasladouse ata A Guarda para participar na Romaría de Santa Trega.
Xa na xornada do sábado 24 de setembro, e despois de estar tamén presentes na Romaría de Santa Trega, as autoridades de Povoa de Varzim e da Guarda, tripulación do lancha do alto “Fe em Deus” e do Piueiro, participaron na celebración dun pleno extraordinario no que se ratificou o irmanamento entre as dúas cidades, un acto moi emotivo que continuou co acto de sinatura do irmanamento que contou coas intervencións do Presidente da Camara Municipal de Póvoa de Varzim, Aires Henrique do Couto Pereira, dun representante da Asociación Piueiro e do alcalde da Guarda, Antonio Lomba.
Un pouco de historia
A súa andadura comzou no 2020, cunha proposta da asociación O Piueiro de creación dunha comisión organizadora, posteriormente so equipo de goberno da Guarda se puxo en contacto con representantes da Cámara de Póvoa de Varzim para manifestar de maneira explícita a vontade de Irmanamento pero debido á pandemia do Covid houbo que retrasar a súa celebración ata o 2022.
A relevancia deste Irmanamento, entre dous pobos cunha intensa relación ao longo dos tempos, permitirá estreitar estes lazos, incrementar as relacións culturais, fomentar un turismo mutuo entre os cidadáns de ambas entidades e posibilitará un intercambio de experiencias e de coñecementos entre os responsables da xestión municipal coa finalidade de propiciar o intercambio de iniciativas e de mellora en materia dos servizos á cidadanía.




