Inicio Baixo Miño A Guarda A Guarda acolleu un Encontro sobre a produción de sal entre a...

A Guarda acolleu un Encontro sobre a produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade

A Guarda acolleu un Encontro sobre a produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade A Casa dos Alonsos da Guarda acolleu un encontro sobre a produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade na Costa da Guarda e Viana do Castelo

O sal desempeñou un papel de grande importancia na economía da Antigüidade. Con usos domésticos, simbólicos e médicos de todo tipo, foi sobre todo un compoñente fundamental na industria de salgadura, tanto no comercio de peixe salgado como na preparación de prebes. Ao longo das dúas últimas décadas, o avance da investigación arqueolóxica permitiu documentar un importante conxunto de explotación do sal ao longo da costa da antiga Gallaecia. Neste encontro falouse dos resultados do proxecto Mar de Sal no estudo das evidencias de aproveitamento do sal durante a Protohistoria e da gran transformación que experimentou a industria salineira a partir da chegada do Imperio Romano coa implantación de grandes salinas mariñas.

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que comezou en novembro de 2015. A intención destes Encontros foi xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural en xeral e que moitas veces non chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os encontros acollen a calquera persoa que se queira achegar a este espazo, ben sexa un profesional da xestión do patrimonio ou da cultura, ben sexa unha investigadora / investigador ou calquera axente social que teña interese polo patrimonio. Os protagonistas dos encontros son sempre o elemento patrimonial e o debate arredor del. Os encontros focalizáronse até o de agora en proxectos de arqueoloxía, rehabilitación, arquitectura, historia da arte ou mesmo en enfoques interdisciplinarios; pero tamén na xestión patrimonial, na divulgación do patrimonio, na participación cidadá e no conflito patrimonial; en patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou conflitivos; nas políticas patrimoniais, nos encontros e des-encontros. Como se pode ver, nun abano moi amplo ao longo dos 23 Encontros anteriores.

No ano 2018 puxeron en marcha o programa IN SITU, que traslada a difusión e reflexión ao contexto xeográfico e social dos bens, analizando no mesmo lugar as realidades patrimoniais. IN SITU quere contribuír a evidenciar a necesidade desa análise, pero tamén a crear outros lugares de reflexión fóra do seu habitual espazo na sede do CCG en Santiago de Compostela. Para este ano 2019, a temática seleccionada dentro deste programa é “A produción de sal en época romana no sur de Galicia e norte de Portugal”, sobre a que realizaremos dúas xornadas: o 29 de marzo na Guarda e o 30 de abril en Vigo, e que terán como obxectivo a reflexión arredor de diferentes proxectos que, ao longo dos últimos anos, interviñeron en distintos xacementos do sur de Galicia e do norte de Portugal relacionados coa produción de sal en época romana, de xeito que poidamos obter un panorama xeral sobre esta práctica no noso contexto xeográfico.

Neste caso contouse coa participación de Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega;  Brais X. Currás, arqueólogo, Universidade de Coimbra-CEAACP; Mar Cortegoso Comesaña, arqueóloga profesional; Miguel Costa, Tiago Brochado e Jorge Machado, arqueólogos, Câmara Municipal de Viana do Castelo e Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda que participou na presentación deste acto ao que asistiron preto de medio cento de persoas.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies