spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA garantía sanitaria, a flexibilización e a confianza, elementos clave para o...

A garantía sanitaria, a flexibilización e a confianza, elementos clave para o turismo no plan de reactivación do destino #Pontevedraprovincia

A garantía sanitaria, a flexibilización e a confianza, elementos clave no plan de reactivación do turismo Pontevedra provinciaA presidenta da Deputación de Pontevedra presentou o avance do Plan e as primeiras medidas, xa adoptadas pola institución, centradas na seguridade e confianza, na comercialización e adaptación da promoción do destino, na colaboración con eventos turísticos e no apoio e capacitación do sector

A garantía sanitaria, a flexibilización e a confianza serán “os tres grandes principios para ter éxito nun destino turístico” tal e como detallou Carmela Silva na presentación do avance do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, impulsado pola Deputación tralo estalido da crise sanitaria. A presidenta provincial, quen incidiu na importancia de converter á provincia nun destino seguro, sostible e inclusivo, adiantou os obxectivos, prioridades e estrutura do plan así como deu a coñecer as primeiras medidas, xa en marcha na Deputación, que se centran na seguridade e confianza na rede Info Rías Baixas, na comercialización e adaptación da promoción do destino, na colaboración con eventos turísticos e no apoio e capacitación do sector.

Da análise de tendencias realizadas mediante o Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia pódese extraer xa que para garantir o éxito é preciso cumprir con tres requisitos: “a garantía sanitaria e todo o que ten que ver coa seguridade e hixiene e a non masificación, a flexibilización en canto ás cancelacións ou cambios de plans e a confianza que serán os que determinen que as persoas turistas se decanten por un lugar determinado”, asegurou Carmela Silva. Neste eido, a presidenta fixo fincapé na importancia de estar “moi alerta e preparadas e preparados, de atender á demanda nova e adiantarnos provocando cambios na oferta” tendo en conta, amais que, nestes momentos, “estudos, portais de turismo e expertas e expertos nos sitúan como un dos destinos máis atractivos para este verán”.

Tendo en conta estes tres requisitos clave que se poden sacar xa á luz do avance do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, a Deputación de Pontevedra puxo xa en marcha as primeiras medidas para relanzar a actividade turística: seguridade e confianza na rede Info Rías Baixas, na comercialización e adaptación da promoción do destino, na colaboración con eventos turísticos e no apoio e capacitación do sector. Todas elas veñen estruturadas nos cinco eixos de actuación do plan que son o financiamento, aspectos legais e a fiscalidade; a prevención da seguridade, saúde e hixiene elaborando protocolos claros e plans de garantía sanitaria; a dixitalización e a competitividade centradas no liderado empresarial e fortalecemento a través da capacitación, innovación e emprendemento; o fomento da demanda de produtos e servizos turísticos da provincia ligados ao consumo local e a adaptación da promoción do destino Rías Baixas.

No que atinxe á seguridade e confianza na rede de oficinas Info Rías Baixas, a presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou que se ten aprobado xa un plan de continxencia para as oficinas adheridas á mesma así como para a contratación de persoal, cun orzamento de 250.000 €. “Somos probablemente a primeira administración que aproba un plan de continxencia destas características”, asegurou a presidenta, para garantir a seguridade tanto das persoas visitantes que acoden ás oficinas de información turística como das que as atenden. No que respecta ao persoal das oficinas, Silva informou que a Xunta de Goberno vén de aprobar achegas para financiar a contratación de 27 persoas para tarefas de información nestas oficinas situadas en 21 concellos da provincia.

En canto á comercialización e adaptación da promoción do destino o aspecto prioritario é ofertar actividades, tal e como explicou Silva, “ligadas a experiencias locais e sostibles”, evitando aglomeracións e apostando pola natureza e espazos ao aire libre, polo turismo responsable, inclusivo e sostible, reforzando a marca Rías Baixas. Ao respecto da comercialización, Carmela Silva adiantou que esta semana licitouse, por valor de 116.000 € para o 2020 e prorrogable a outros tres anos máis, a asistencia técnica integral para a celebración de workshops e misións comerciais sectoriais no mercado nacional e norte de Portugal, en sintonía co Clúster de Turismo de Galicia.

En canto á promoción, recordou que están en marcha campañas de produtos de proximidade e o arranque da nova campaña de comercio local. Neste mesmo eido, está en funcionamento a adaptación do plan de comunicación do destino, centrado tamén no mercado de proximidade, ao que se destinan 150.000 euros para a promoción da provincia como destino seguro a través dunha nova campaña online e off line.

Outra das medidas en marcha é a colaboración con eventos turísticos, ben sexan deportivos, festivais musicais ou audiovisuais e relacionados coa organización de congresos e eventos (MICE). “Imos destinar recursos tanto aos que se celebren este ano como a aqueles que pasan ao 2021, para garantir que non se perdan eventos que teñen tanta capacidade de atracción turística”, asegurou a presidenta da Deputación.

Finalmente, entre as medidas xa lanzadas pola Deputación de Pontevedra para reactivar o turismo atópase a capacitación do sector e a necesidade de apostar pola dixitalización dos negocios para garantir a súa competitividade. Ademais, e neste aspecto, a presidenta explicou que “imos continuar coa formación online iniciada en abril cos establecementos adheridos ao SICTED, temos en marcha unha aceleradora que comeza a súa andaina a  partir do 25 de maio e lanzamos sesións formativas orientadas ao turismo”. Tamén informou que continuarán os asesoramentos a pemes e persoas autónomas con información práctica sobre cuestións fiscais, laborais ou de comercialización e adiantou que se está a elaborar un documento para facilitar e garantir a transparencia, viabilidade e supervivencia e tecido empresarial turístico da provincia, así como o emprego.

O Plan de Reactivación do destino Provincia de Pontevedra, no que se están a implicar entidades e empresas do sector turístico da provincia, aséntase en metodoloxías participativas. Deste xeito, tal e como explicou a presidenta provincial, en primeiro lugar realizouse unha análise de informes publicados por entidades de referencia no sector turístico como a OMT, Exceltur, Clúster de Turismo de Galicia, a Secretaría de Estado de Turismo de España e a Xunta de Galicia. Tamén se analizaron tendencias e actuacións que se están a desenvolver tanto a nivel nacional como internacional e realizáronse reunións e encontros con concellos da provincia, así como con expertos como o secretario de Turismo de Valencia Francesc Colomer.  Ademais completáronse as análises cunha enquisa ao sector turístico e axentes clave para coñecer de primeira man a súa situación e opinión, que contou cunha participación e resposta de ata máis de 200 empresas.

- Publicidade -spot_img