spot_img
InicioVigo e áreaVigoA Fundación Laxeiro acolle a mostra "Colmeiro Punta Seca" con 48 gravados...

A Fundación Laxeiro acolle a mostra “Colmeiro Punta Seca” con 48 gravados do artista

a-fundacion-laxeiro-acolle-a-mostra-colmeiro-punta-seca-con-48-gravados-do-artistaA Fundación Laxeiro presenta Colmeiro, punta seca; unha exposición singular, composta por corenta e oito gravados de Manuel Colmeiro (1901- 1999), datados entre finais dos anos trinta e a década dos corenta, algúns deles inéditos, que foron reunidos e publicados nunha carpeta en 2022, pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, de Ribeira, co financiamento da Xunta de Galicia. Estes corenta e oito gravados serán expostos xunto ás matrices orixinais.

Revista Cousas De Nº20

O PROXECTO

Trátase de debuxos orixinais datados entre finais dos anos trinta e os anos corenta, que foron pasados a matriz de cobre e cinc, coa técnica de punta seca, na década dos anos corenta, actualmente, propiedade da familia Colmeiro e que, en 2022, foron estampados polo mestre gravador Pepe Míguez no Obradoiro de Gravado da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (FMAG) de Ribeira, institución que fixo a edición que consta de:

  • 20 exemplares, numerados do 1/20 ao 20/20
  • 1 exemplar de proba de artista, numerado P.A.
  • 4 exemplares de artista, numerados de I/IV a IV/IV.

Todo o proceso foi financiado pola Xunta de Galicia.

A obra gráfica de Manuel Colmeiro (Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999), non moi abundante e realizada con tiraxes reducidas, ocupa un lugar senlleiro na súa actividade, nomeadamente durante os seus anos de exilio en Buenos Aires e nos primeiros da súa marcha a París, isto é, desde finais dos anos trinta até inicios dos anos cincuenta.

O proxecto de realizar a edición dunha carpeta a partir de 49 matrices do artista que posúe a familia do pintor, levado a cabo pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira e a exposición que presentamos na Fundación Laxeiro, pretende dar a coñecer esta faceta do creador galego que mesmo inclúe algunha obra inédita, o que acrecenta o valor deste significativo conxunto de traballos que ilustran aspectos centrais da estética do autor e dun momento moi concreto da diáspora galega, en particular en Buenos Aires.

Como afirma Carlos L. Bernárdez, os gravados de Colmeiro de comezos do seu exilio remiten a un clasicismo que xa estaba ben presente na súa obra da década anterior. Trátase de fórmulas plásticas que, como as do Pablo Picasso da Suite Vollard, transmiten unha consciencia da condición moderna porque, para o noso pintor, o clasicismo non é unha simple volta ao pasado, senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi ligada á identidade galega.

 

a-fundacion-laxeiro-acolle-a-mostra-colmeiro-punta-seca-con-48-gravados-do-artista
A vicepresidenta da Deputación Luisa Sánchez e Javier Pérez Buján, Director artístico da Fundación Laxeiro

Nestas obras as fontes cézannianas son fundamentais, e de aí aprende o noso pintor a maneira de situar a figura na paisaxe. A esta lección vai permanecer sempre fiel e será alicerce das súas fecundas e sutís variacións formais.

Na década dos corenta, Colmeiro realiza gravados en que a liña clasicista se pon ao servizo xa duns temas que serán recorrentes na súa obra e que se constitúen nunha das chaves de toda a súa produción do exilio: Galicia reconstruída desde a memoria e a muller como ideal, participando dunha das grandes liñas temáticas que caracterizan a arte galega na diáspora, como é a ausencia da Terra, que suxire o título de infinidade de obras de artistas e escritores galegos: Lonxe de Lorenzo Varela; Fardel de eisilado Homenaje a la Torre de Hércules de Luís Seoane; Sempre en Galiza de Castelao e nomes de revistas como Galicia emigrante ou Saudade.

En xeral, estes gravados transmiten unha sensación de idilio onírico no tratamento do tema, con referencias clásicas, como en Picasso, que van desde a escultura grega até a cerámica arcaica e ática. Mais non temos a sensación de estarmos perante simples citas, ben pola contra, asistimos a un mundo cheo de saudade e intensamente ligado á experiencia.

Rafael Dieste, nun texto escrito en 1941, e intitulado “Colmeiro: breve discurso sobre a pintura co exemplo dun pintor”, fai unha brillante análise do traballo de Colmeiro que ilustra de xeito moi especial o tipo de obras que agora se editan e rescatan. Dicía Dieste que o Colmeiro pintor “falaba en galego”, e certamente constrúe unha linguaxe pictórica dun forte lirismo, en que a evocación do mundo galego é unha constante. A súa obra é unha maneira de reencontro, mais tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio.

a-fundacion-laxeiro-acolle-a-mostra-colmeiro-punta-seca-con-48-gravados-do-artista

 

 

 

Os gravados de Colmeiro son, por tanto, moito máis do que simples complementos da súa pintura, iluminan o proceso de formación e plenitude do pintor e informan sobre a súa situación nos diferentes espazos culturais e, alén diso, documentan as súas máis profundas preocupacións en canto cidadán e en canto artista.

A EXPOSICIÓN

Máis alá do interese artístico e documental da obra que conforma esta exposición, a súa singularidade atopámola tamén na forma na que esta se mostra ao público, porque non adoita ser moi frecuente mostrar tamén as matrices orixinais a partir das que se realiza o estampado e, nesta ocasión, os corenta e oito gravados son mostrados, unidos, cada un deles, á súa matriz correspondente, grazas á cortesía da familia Colmeiro que cedeu as pranchas para a súa exhibición.

Deste xeito, o público ten a oportunidade pouco frecuente, de apreciar in situ as semellanzas e variacións entre a matriz orixinal e o gravado final e contribuirá, sen dúbida, á comprensión dos procesos de realización de obra gráfica, quizais a primeira técnica que permitiu a reprodución a partir de obras orixinais.

A técnica da punta seca empregada para estes gravados é unha das máis antigas. Data do século XV e, con frecuencia, é utilizada en combinación con outras técnicas como a augaforte. O estampado destes gravados de Colmeiro foi realizado polo mestre gravador Pepe Míguez, nos talleres da Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, coa colaboración da Deputación da Coruña, que financiou a restauración das matrices, a da Xunta de Galicia, que asumiu o custe de produción.

Con esta exposición a Fundación Laxeiro e a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa dixital (FMAG), materializan un intercambio que, ademais de posibilitar a realización de esta exposición en Vigo, levará á FMAG a mostra titulada Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa, producida pola Fundación Laxeiro en 2018.

- Publicidade -spot_img