Terras Gauda convoca a 16ª Bienal Internacional de Cartelismo · Concurso Francisco Mantecón, que reparte 16.000 € en premios. O prazo para enviar as propostas está aberto ata o 29 de abril. A adega continúa coa súa firme aposta por reivindicar a vixencia do cartelismo como disciplina artística cuxo linguaxe é universal, conectando a persoa con diferentes culturas e procedencias diversas a través do deseño gráfico.
Máis de 20.000 carteis de creativos, deseñadores gráficos e ilustradores de 100 países reuníronse nas anteriores edicións. A oportunidade de exhibir as obras nunha exposición colectiva coa vangarda artística internacional é un dos grandes reclamos desta bienal, afianzada entre as tres de máis prestixio a nivel mundial, a de maior envergadura auspiciada por unha iniciativa privada e a única que organiza unha exposición con todos os carteis participantes.
Un percorrido polas tendencias da arte internacional que se poderá visitar durante un mes na Estación Marítima de Vigo. A exposición estará aberta ao público desde o 24 de maio ao 19 de xuño.
Xurado de prestixio
Javier Mariscal, Alberto Corazón, Óscar Mariné, Manuel Estrada, Isidro Ferrer, Pep Carrió, Emilio Gil, Roberto Turégano, Cruz Novillo, Pepe Gimeno e Javier Jaén son o elenco de profesionais que formaron parte do xurado, contribuíndo a impulsar o recoñecemento e o prestixio da Bienal.
Pati Núñez recolle a testemuña nesta edición. Referente no mundo do deseño gráfico, é a 1ª muller que obtivo o Premio Nacional de Deseño, en 2007, ademais dun Laus de Honra en 2022. Acompáñalle Rodrigo Sánchez, director de Arte, a quen se atribúe revolucionar o deseño editorial en España.
Concurso restrinxido con Turismo de Galicia
Os 40 finalistas e premiados da Bienal accederán a unha segunda fase e poderán participar noutro certame, creado en colaboración con Turismo de Galicia para deseñar a imaxe promocional das 14ª e 15ª Xornadas de Portas Abertas dos Roteiros dos Viños de Galicia. A dotación económica é de 10.000 euros, en dous premios de 5.000 euros cada un, para os orixinais que encaixen co obxectivo expostos neste certame.
Respaldo internacional
Asociacións e colectivos de deseño gráfico de referencia apoiaron o certame: AIGA (EEUU), Chartered Society of Designers (Reino Unido), International Design Festival de Berlín (Alemaña) ou SBB–BRNO Biennale Associaton (República Checa), entre outros. Por parte das institucións académicas tamén hai un importante respaldo: Paris College of Art, a Bauhaus Universitat Weimar, a Academy of Art da Universidade de San Francisco (USA), ou as universidades de Osaka (Xapón) e Shangai (China).
A Autoridade Portuaria de Vigo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) son organismos colaboradores