A festividade presentarase tamén na Casa de Galicia, en Madrid, o 14 de maio e con autoridades invitadas
O Corpus Christi será o protagonista dunha iniciativa por parte de Concello lanzada a través de Correos. A festa ponteareá estará proxectada nas pantallas de dez oficinas nacionais, onde as persoas que acudan poden desfrutar dos tapices florais da festa a través dun video promocional.
Deste xeito, as sedes de Sevilla, Toledo, Madrid, Orotava, Vigo, Lugo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ferrol, Tui e Porriño, xunto á de Ponteareas, proxectan unha peza visual na que os usuarios e as usuarias de Correos desfrutan das diferentes composicións florais do Corpus Christi. Cómpre lembrar que a festividade conta coa declaración de Interese Turístico Internacional desde o 2009 e está recoñecida como Ben de Interese Cultural por parte da Xunta de Galicia.
A maiores da exposición nas pantallas das oficinas de Correos, o Corpus Christi tamén será presentado na Casa de Galicia de Madrid este martes, a sede institucional da Xunta de Galicia na capital de España, con autoridades invitadas e na que se dará a coñecer a festividade ponteareá, que ano tras ano gaña máis adeptos.