spot_img
InicioBaixo MiñoA Feira do Viño do Rosal muda a súa data a outubro...

A Feira do Viño do Rosal muda a súa data a outubro para poder celebrala na Praza do Calvario

A Feira do Viño do Rosal muda a súa data a outubro para poder celebrala na Praza do CalvarioCelebrarase os días 7, 8 e 9 de outubro na Praza do Calvario, fomentando así o dinamismo comercial da contorna tras os meses de obras

Revista COUSAS DE Nº13

Concello e adegas camiñan da man para preparar unha nova edición da Feira do Viño do Rosal, unha edición que a organización decidiu de forma unánime mudar de data este ano para poder celebrala na Praza do Calvario, o seu escenario tradicional, e manter o dinamismo comercial que cada ano xera a feira na contorna.

“Con esta nova data faremos coincidir a nosa Feira do Viño, un dos eventos máis importantes para rosaleiros e rosaleiras, co remate dunha obra histórica para o municipio, como é a transformación do núcleo da Praza do Calvario. Queremos unha praza chea de veciñanza e visitantes que nos permita dar ese pulo comercial tan importante para os comercios da contorna despois do esforzo colectivo que están a facer mentres se están a executar as obras ”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Deste xeito, a Feira do Viño do Rosal celebrará os seus 30 anos de vida en outono. A vindeira edición terá lugar os días 7, 8 e 9 de outubro, coincidindo ademais cunhas datas tan tradicionais para rosaleiros e rosaleiras como é o remate da vendima.

Realizouse un estudo previo de espazos alternativos para a celebración da nova edición da Feira do Viño que cumpriran coas necesidades técnicas como saneamento, iluminación, música ou aparcamento e tiveran en conta as limitacións sectoriais que non permiten realizar este tipo de eventos en calquera parte do municipio, xa que, por exemplo, toda a zona da Ribeira está afectada pola Rede Natura 2000.

Non obstante, adegas e Concello decidiron que a mellor opción era cambiar a data e estrear un espazo totalmente transformado como a Praza do Calvario, na que se soterraron todas as canalizacións e redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións, electricidade e alumeado e na que se tivo en conta a celebración da tradicional Feira do Viño para axeitar necesidades técnicas para o seu desenvolvemento, como ás de subministro eléctrico, recollida de residuos e distribución de stands para esta cita anual.

“Tras dous anos de pandemia cunha edición da feira virtual e outra contida pola situación sanitaria, este ano volvemos á normalidade e recuperamos a esencia desta festa de interese turístico. Pero, de forma excepcional, farémolo nunha nova data para ofrecer a veciñanza e visitantes unha feira no mellor escenario posible. E, como xa temos demostrado, farémolo adaptándonos ás circunstancias, nesta ocasión á época do ano e á súa climatoloxía”, recalcou a rexedora.

- Publicidade -spot_img