Inicio Alto Minho A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal recibe o premio 'Sail of Papenburg' polo...

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal recibe o premio ‘Sail of Papenburg’ polo Proxecto Nortear de intercambio cultural

A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal recibe o premio 'Sail of Papenburg' polo Proxecto Nortear de intercambio culturalO galardón recoñece ás mellores iniciativas no ámbito da cooperación transfronteiriza que poidan considerarse exemplos de boas prácticas

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal resultou galardoada polo seu proxecto de intercambio cultural Nortear co premio transfronteirizo “Sail of Papenburg”, que concede cada ano a Asemblea Xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE).

É a terceira ocasión que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal recibe este recoñecemento. A primeira vez foi en 2007, en conxunto coa rexión do Alto Rin, polo Servizo de Estudos do Eixo Atlántico; e a segunda en 2012 foi concedido á AECT polo seu traballo na homologación e equivalencia dos títulos de estudos de Formación Profesional e certificacións que se aplican a ambos lados da fronteira entre Galicia e Portugal.

O proxecto europeo Nortear busca fomentar o maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios
Desta volta, o traballo premiado da AECT foi o proxecto europeo Nortear, levado a cabo en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e a Dirección Xeral de Cultura do Norte de Portugal. Esta iniciativa basease na vontade dos organismos implicados de fomentar o coñecemento mutuo e promover a cooperación e a colaboración multicultural transfronteiriza coa difusión da cultura de Galicia e da rexión Norte de Portugal.

O proxecto conta con diferentes actividades con vistas a un maior coñecemento mutuo a través da cultura, da literatura e da creación artística en ambos os dous territorios, impulsando a expansión e o coñecemento do tecido artístico e creativo, así como estimulando dinámicas de colaboración entre os axentes culturais deste espazo de cooperación.

Unha das súas actividades é o premio Nortear, que xa vai pola súa quinta edición, e que permite que a mocidade galega e portuguesa cree vínculos entre as dúas literaturas. Cada ano este premio recoñece obras literarias orixinais de Galicia e Portugal co obxectivo de incentivar a produción literaria entre as xeración máis novas e favorecer a circulación e distribución de obras literarias para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.

A Asemblea Xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) outorga anualmente o premio “Sail of Papenburg” para recoñecer aos mellores programas, proxectos e accións no ámbito da cooperación transfronteiriza e que podan considerarse exemplos de boas prácticas. Ademais, serve para galardoar ás rexións fronteirizas e transfronteirizas por contribuír de forma activa a fortalecer as relacións nas fronteiras europeas.
Na convocatoria deste ano presentáronse 21 candidaturas de todas as rexións transfronteirizas de Europa. Ademais do proxecto Nortear, da AECT da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, o xurado, integrado por expertos independentes de recoñecido prestixio no mundo da cooperación transfronteiriza, recoñeceu o labor de tres finalistas: os proxectos presentados polas Eurorrexións DNL (Holanda -Alemaña), Bothnian Arc (Suecia -Finlandia) e Pirineos Mediterráneo (España-Francia).

A ARFE é unha organización europea nacida en 1971 coa finalidade de representar os intereses do cento de rexións europeas que a integran, así como promover a cooperación interrexional e o intercambio de información e experiencias á hora de afrontar problemas comúns para estas áreas.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies