spot_img
InicioAlto MinhoA Eurocidade Cerveira-Tomiño promove o debate sobre a igualdade social

A Eurocidade Cerveira-Tomiño promove o debate sobre a igualdade social

A Eurocidade Cerveira-Tomiño promove o debate sobre a igualdade socialUnha reunión sobre cidadanía e igualdade pecha o ciclo de encontros sociais preparatorios da Axenda Urbana 2030

Revista COUSAS DE nº14

A Eurocidade Cerveira-Tomiño celebra este martes 4 de outubro o seu cuarto aniversario. Tras unha longa traxectoria de traballo conxunto, en 2018 ambos os dous concellos constituíanse como Eurocidade, un paso máis ao dado no ano 2014, no que os municipios de Tomiño e Vila Nova de Cerveira subscribían a Carta da Amizade, un documento no que recoñecían que “a cooperación territorial é un dos medios máis eficaces con vista á aproximación das poboacións fronteirizas, a supresión das dificultades que implican todas as fronteiras e a promoción do desenvolvemento económico, social e cultural”.

En 2015, a aprobación da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño propiciou un proxecto POCTEP INTERREG VA, cofinanciado ao 75% polo con fondos FEDER da Unión Europea. Ao abeiro deste programa POCTEP ao longo destes anos desenvolvéronse diferentes accións contribuíndo a un novo modelo de gobernanza transfronteiriza baseado no traballo técnico e político conxunto e nunha participación pública efectiva.

Novo impulso da acción conxunta centrado na mocidade e no medioambiente

Na actualidade, estase a traballar na renovación da estratexia conxunta para a elaboración dunha Axenda urbana no horizonte 2030, mediante un proceso participativo con axentes sociais, económicos e culturais de ambas as dúas beiras do río Miño. Precisamente, coindicindo co cuarto aniversario, este martes celebrouse a última das reunións ata agora programadas, que xuntou no Forum Cultural de Cerveira a distintas asociacións e empresas para falar de igualdade de xénero, conciliación da vida familiar e laboral e non discriminación, entre outros asuntos englobados nun dos piares da nova axenda estratéxica: cidadanía e igualdade.

O proceso comezou en abril, con distintas reunións para a elaboración dunha Axenda específica para a mocidade e continuou en xuño, na Semana do Medio ambiente con encontros sobre economía circular e desenvolvemento territorial, abordándose temas como os hábitos de consumo ou produción máis saudábeis, as novas funcións ambientais dos espazos rurais, a paisaxe, o patrimonio ou todo o relacionado coa protección e valorización do Rio Miño, entre outros. Xa o 28 de xuño, un novo encontro abordou os desafíos da mobilidade e a transición dixital.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño pretende así ampliar as súas liñas de actuación en base ás políticas urbanas da Unión Europea e aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) das Nacións Unidas.

No mes de outubro reunirase o Consello de Xestión Estratéxica, integrado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, cos seus respectivos equipos técnicos, para preparar o Plan de actividades de 2023.

- Publicidade -spot_img