A Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra, programa para o día 27 a xornada “Profesionais pola igualdade”

A Escola María Vinyals da Deputación de Pontevedra, programa para o día 27 a xornada "Profesionais pola igualdade"Ao abeiro da programación da Escola de Igualdade María Vinyals, o castelo de Soutomaior acollerá o día 27 de setembro a xornada “Profesionais pola Igualdade” na que daranse cita grandes ponentes do Estado nesta materia.  

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de anunciar que o vindeiro 27 de setembro terá lugar no Castelo de Soutomaior, ao abeiro da programación da Escola de Igualdade María Vinyals, a xornada “Profesionais pola Igualdade”. O obxectivo do goberno provincial con esta actividade é analizar as políticas públicas de igualdade e facer fincapé na necesidade de contar con persoal técnico para dar resposta ás mulleres que sofren a desigualdade.

Carmela Silva informou que a acción formativa, dirixida a persoal técnico e político de eido local, profesionais que traballan na loita pola igualdade e contra a violencia machista e persoas interesadas en xeral, “pretende analizar a importancia das políticas de igualdade na actual axenda política e social, que afectan directa e indirectamente a toda a cidadanía”. Ademais, durante a xornada tamén se abordará a necesidade de contar con expertas e expertos en igualdade para analizar a problemática e propoñer medidas para a consecución da igualdade efectiva. Neste caso, reflexionarase sobre a importancia de visibilizar e poñer en valor aos e ás profesionais que traballan día a día na aplicación das políticas de igualdade.

A presidenta informou que “Profesionais pola Igualdade”, que contará “coas persoas máis coñecedoras de todo o que acontece sobre a igualdade no Estado”, comezará o venres 27 de setembro ás 9.30 da mañá e finalizará ás 19.30 horas. A primeira conferencia, “Importancia e necesidade das políticas de igualdade e profesionalización” correrá a cargo de Rosa Cobo ás 10.00 h, unha teórica feminista, escritora e profesora de Socioloxía do Xénero na Universidade da Coruña, e que dirixe o Centro de Estudos de Xénero e Feministas. A continuación, terá lugar a mesa redonda “Realidade das profesionais pola igualdade” na que participarán Mercedes Renda e Inmaculada Sánchez. Renda é feminista e axente de igualdade que preside APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega) e Sánchez, licenciada en Dereito con tres máster en xénero, igualdade e prevención da violencia, unha especialidade en mediación e presidenta da Asociación Andaluza de Axentes de Igualdade.

Xa pola tarde e partir das 16.oo horas terán lugar os grupos de traballo “Profesionais pola igualdade no sector público”, “Profesionais pola igualdade no sector privado” e “Profesionais pola igualdade na educación” a cargo de Celso Taboada, Marián Mur e María Álvarez Lires. Celso Taboada é feminista especialista en feminismos, masculinidades, xénero, violencias de xénero, coeducación, plans de igualdade, corresponsabilidade e conciliación; Marian Mur, licenciada en Dereito, Diplomada en Dereitos da Muller e presidenta da Asociación de Integración e Promoción da Muller e da Asociación de Axentes de Igualdade de Castela a Mancha; e María Álvarez Lires, licenciada e doutora en Ciencias Químicas pola USC e profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na Uvigo, onde é a codirectora do Grupo de Investigación CIES e a vicepresidenta do Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero

A partir das 18.45 horas terá lugar a conferencia de Silvia Buabent titulada “A igualdade na axenda política e o papel das profesionais”.  Buabent, presidenta da Comisión de Igualdade e Dereitos Cívicos da Federación de Municipios de Madrid e vogal da Comisión de Igualdade da FEMP, é dende xuño de 2018 a actual directora do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades.

O prazo para inscribirse na xornada “Profesionais pola igualdade” abre hoxe e estenderase ata o día 23 de setembro. As persoas interesadas en formalizar a súa participación na actividade deberán cubrir un formulario que estará á súa disposición en www.depo.gal.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies