spot_img
InicioGaliciaA economía azul e o Pacto Verde Europeo centrarán a edición virtual...

A economía azul e o Pacto Verde Europeo centrarán a edición virtual do Business2Sea 2020 organizado por Galicia e Portugal

 A economía azul e o Pacto Verde Europeo centrarán a edición virtual do Business2Sea 2020 organizado por Galicia e PortugalEste evento internacional organizado polo Cetmar e Forum Océano desenvolverase entre o 16 e o 20 de novembro de xeito telemático ante a alerta sanitaria pola covid-19 e incluirá accións como conferencias, talleres, curtas do mar e encontros de negocios

O financiamento da economía azul e o Pacto Verde Europeo (European Green Deal) serán os eixos da edición virtual 2020 do Business2Sea, un evento internacional que se desenvolverá do 16 ao 20 de novembro e que está organizado un ano máis polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e o clúster do mar de Portugal, Forum Océano.

Esta edición do evento estaba previsto que se celebrase en Vigo pero finalmente desenvolverase en formato virtual ante a alerta sanitaria pola covid-19 e incluirá tanto conferencias relacionadas cos eixos temáticos desta edición, talleres e reunións de proxectos de investigación como as tradicionais curtas do mar e os encontros de negocio.

Ademais, dentro desta edición do Business2Sea, o 17 de novembro realizarase unha xornada da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira -Rede Invipesca-, que conta con financiamento da Consellería do Mar. Nesta acción está prevista a participación de científicos de diferentes países de Iberoamérica, España e Portugal.

O Business2Sea é un evento internacional dedicado a facilitar a interacción entre persoas e organizacións e a promover proxectos e negocios nos diferentes sectores da economía do mar, aberto á participación de todo tipo de organizacións.

Todos os axentes que teñan o mar e os seus recursos como elementos centrais da súa actividade (empresas, asociacións, centros de investigación, universidades, ou administracións públicas) teñen cabida nesta nova edición do Business2Sea e poden atopar máis información en http://business2sea.org/.

- Publicidade -spot_img