spot_img
InicioBaixo MiñoA Deputación vai mellorar en medio kilómetro a senda do río Miño...

A Deputación vai mellorar en medio kilómetro a senda do río Miño en Tui para incorporalo como un treito no futuro ‘Anel Verde do Miño’

A Deputación vai mellorar en medio kilómetro a senda do río Miño en Tui para incorporalo como un treito no futuro 'Anel Verde do Miño'O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e o alcalde Enrique Cabaleiro visitaron onte a zona da actuación, entre o lavadoiro da mariña e a praia da Metralla, na que se investirán case 52.000 euros

A Deputación de Pontevedra vai mellorar un treito de medio kilómetro de senda á beira do río Miño en Tui, entre o lavadoiro da mariña –preto do casco vello da vila- e a praia da Metralla, nunha actuación que terá un investimento de preto de 52.000 euros. O percorrido xa acondicionado integrarase como parte do itinerario do futuro ‘Anel Verde do Miño’, a rede de sendeiros que conectará preto de 196 kilómetros de vías peonís e ciclables polas dúas beiras do Miño impulsada polo AECT Rio Minho.

Na mañá de hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro visitaron a zona de actuación e destacaron a aposta conxunta tanto da Deputación, o Concello e o AECT Rio Minho por fomentar o turismo sustentable e de natureza no territorio transfronteirizo dentro da marca ‘Rio Minho’.

O deputado Uxío Benítez salientou que a senda que se vai realizar en Tui é unha das pezas  do proxecto “angular de traballo” para os próximos anos na Deputación e o AECT para a zona miñota, o ‘Anel Verde do Río Miño’. Destacou que o anel será unha das propostas principais nas candidaturas para conseguir fondos europeos no próximo marco financeiro 2021-2027, e engadiu que sumará diferentes intervencións nos concellos da conca do Miño dende Crecente ata A Guarda pola parte galega e por Caminha ata Melgaço nunha ruta circular.

Benítez salientou que o medio kilómetro de senda que se acondicionará en Tui permitirá enlazar a curto prazo con outro treito xa previsto, o que permite o cruce co río Louro –financiado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil- , e que dará conexión ao casco vello de Tui coa praia de Guillarei.

Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, -acompañado da concelleira de Turismo- subliñou que a creación da senda entre a marina e a Metralla é “unha das nosas prioridades”, polo que agradeceu á Deputación e o AECT o financiamento da obra, “indispensable para despois ligar o inicio co seguinte treito financiado pola Confederación”. “Cumprimos esa folla de ruta de seguir poñendo en valor o noso espazo natural, gañalo para as persoas, unha obra moi demandada hai moitos anos, que empeza a ser realidade”, salientou.

Paneis explicativos e bancos

A actuación, cualificada como ‘branda’ para non interferir nas áreas protexidas da ‘Red Natura 2000’, consiste na mellora dunha senda existente na marxe do río Miño, cunha lonxitude de 442 metros, facendo máis accesible a plataforma de tránsito -pavimentada con xabre con algún treito encaixonado en madeira-.

A senda localízase próxima ao centro histórico de Tui e tamén á traza do camiño xacobeo portugués, estando divida en dúas partes: unha primeira entre o lavadoiro da marina e Santo Domingo, na que o itinerario queda marcado polos muros do camiño, e unha segunda ata a praia da Metralla, no que a senda terá 2,5 metros de ancho, con drenaxe lateral, e saburra artificial compactada.

O sendeiro sinalizarase con paneis indicadores para divulgar a propia senda a contorna da rede natura que se pretende  valorizar, e ademais, contará con bancos de pedra de granito gris para permitir ás persoas visitantes deterse e admirar a paisaxe. A actuación ascende a preto de 52.000 euros e o inicio das obras será inminente.

- Publicidade -spot_img