spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación fíxase como horizonte instalar 800 composteiros comunitarios na provincia durante...

A Deputación fíxase como horizonte instalar 800 composteiros comunitarios na provincia durante este mandato

Deputación-fíxase-como-horizonte-instalar-800-composteiros-comunitarios-provincia-durante-mandatoA Deputación de Pontevedra, a través da área de Medio Ambiente, que xestiona o vicepresidente César Mosquera, ten como obxectivo que a provincia conte con 800 instalacións de composteiros comunais ao final deste mandato. A intención é ir implantando de xeito gradual a compostaxe como tratamento do lixo para obter beneficios medioambientais e económicos, reducindo os custos que pagan os concellos para desfacerse dos residuos que xeran.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, insta aos concellos a buscar colectivos e asociacións cos que ir da man para aplicar a compostaxe a pequena escala nos barrios e parroquias

Mosquera aposta por iniciar o camiño da compostaxe con pequenos composteiros comunitarios, aos que leven o seu lixo orgánico grupos de entre 80 e 300 veciños de barrios ou parroquias de zonas rurais ou urbanas da provincia, sempre cunha grande implicación tanto dos concellos coma dos cidadáns. O vicepresidente indicou que os gobernos locais deben poñer en funcionamento só aqueles composteiros que saiban que van funcionar. “Hai que buscar a implicación de asociacións de veciños, mancomunidades de montes ou colectivos que estean concienciados da importancia do proxecto e garantan que o sistema pode funcionar. Estes servirán de exemplo e servirán de arrastre para outros “, explicou, ao tempo que indicou que a creación de plantas de compostaxe de medio ou gran tamaño entrarían nunha seguinte fase só se son necesarias. O horizonte ao que se pretende chegar coa proposta dos composteiros comunitarios alcanzaría un máximo de 240.000 persoas en toda a provincia nos vindeiros catro anos.

Todas estas cuestións foron explicadas onte no encontro entre o vicepresidente e alcaldes e concelleiros da comarca de Pontevedra (Barro, Campo Lameiro, Poio, Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas) e de Forcarei, celebrada onte en Poio.

Mosquera saíu da xuntanza esperanzado pola concienciación dos representantes municipais da necesidade de avanzar na xestión do tratamento do lixo e, ante o consenso mostrado por rexedores de todas as cores políticas, manifestou o seu convencemento de que a guerra política do lixo “xa é historia”.  “Hai un gran coñecemento do tema e sábese que é preciso buscar unha solución, por iso entendo que o proceso que iniciamos ao apostar pola compostaxe na provincia é irreversible. Penso que non me equivoco se digo que antes de fin de ano haberá iniciativas en marcha e pode que Pontevedra acabe converténdose en referente na xestión do lixo en Galiza”, sentenciou.

Na reunión de onte en Poio Mosquera volveu lembrar que a Deputación de Pontevedra se porá a disposición dos municipios para asesorar na posta en marcha de calquera proxecto e facilitará medios técnicos e formación aos gobernos locais que así o requiran. Incluso se ofreceu a que sexa a institución provincial a que xestione as iniciativas e a facer a recadación da taxa do lixo aos cidadáns se así o piden os concellos.

Hai que lembrar que a competencia da recollida do lixo é municipal e a do tratamento dos residuos tamén para os concellos de máis de 5.000 habitantes. Ademais, unha directiva europea advirte de que no 2020 será obrigatorio reciclar ou reutilizar o 50 % do lixo, algo imposible se non se trata a fracción orgánica (restos vexetais e de alimentos).

Mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria

Outra das cuestións que se tratou no encontro de onte entre o vicepresidente e os concellos da área de Pontevedra foi a necesidade de actuar en materia de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria.

Mosquera apuntou que é preciso concienciar os técnicos de que as persoas deben ser o centro de atención das actuacións e obras públicas no canto de darlles primacía aos vehículos. Sinalou, así  mesmo, que se debe instaurar o concepto global de accesibilidade e deixar de gastar fondos públicos en “refacer obras” para cumprir a normativa. “Hai que formular os proxectos con esa visión dende un primeiro momento. Dende hai un tempo estanse a facer cousas que ‘doen os dentes’ e, se cadra, sería mellor quedarse quietos, porque non ten sentido dilapidar os cartos en actuacións que o único que fan é complicar”, dixo, en relación á ‘moda’ de construír beirarrúas de pequenas dimensións e con elementos de mobiliario urbano entorpecendo o paso peonil en calquera tipo de estradas. “Se cadra era mellor que nalgunhas zonas se deixasen as cousas como están porque os peóns, ao final, van andando pola calzada porque lles resulta máis cómodo e iso supón un perigo de seguranza viaria”, afirmou.

De feito, en canto á sinistralidade, Mosquera destacou que a Deputación traballará ao carón dos concellos para facer que as estradas provinciais e incluso municipais melloren as súas condicións.

No encontro de onte estiveron presentes tanto o novo asesor provincial de mobilidade, Jesús Fole, coma o de residuos, Carlos Pérez. Ambos os dous estarán a disposición dos municipios que soliciten a súa opinión técnica para calquera iniciativa que queiran poñer en marcha nas súas áreas.

- Publicidade -spot_img

1 comentario

Comments are closed.

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.