spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA Deputación e a Ruta do Viño Rías Baixas redobran a súa...

A Deputación e a Ruta do Viño Rías Baixas redobran a súa estratexia conxunta co estudo de 3 novos proxectos para a posta en valor do enoturismo

A Deputación e a Ruta do Viño Rías Baixas redobran a súa estratexia conxunta co estudo de 3 novos proxectos para a posta en valor do enoturismoCarmela Silva e Juan Gil avanzan a elaboración dun proxecto para obter financiación dos Next Generation, un acordo para promocionar conxuntamente a Ruta e a colaboración da Deputación no proxecto de “Experiencias” que Acevin presentará a fondos europeos

A Deputación de Pontevedra e a Ruta do Viño Rías Baixas estreitaron hoxe aínda máis a súa relación de traballo conxunto e a súa vontade de colaboración para a posta en valor do potencial enoturístico da provincia e da propia Ruta, no transcurso da xuntanza que a presidenta provincial Carmela Silva mantivo  no Pazo Provincial co seu presidente, Juan Gil de Araújo; o vicepresidente, Ramón Huidobro, e a xerente, Lorena Vidal. Carmela Silva trasladoulles a felicitación da provincia polo premio FIJET 2022, outorgado pola Asociación de Xornalistas e Escritores de Turismo como mellor ruta do Estado e que será entregado en FITUR, o que agradeceu Juan Gil. O máximo responsable da Ruta cualificou o Premio como “un recoñecemento de todos/as” e destacou que o sector vitivinícola ten un gran futuro, poñendo en valor o crecemento da Ruta do Viño que xa é unha referencia mundial”. Carmela Silva enxalzou a traxectoria da Ruta Rías Baixas “que hoxe  está xa nas “medallas” en España, pero que como temos moita ambición aspiramos a que moi pronto sexa a primeira. O seu crecemento está a ser extraordinario, dos maiores de todo o estado”, enxalzou.

No encontro, a Deputación e Ruta do Viño Rías Baixas concordaron no estudo de tres novos proxectos cara a impulsar o “a enorme potencia do enoturismo na provincia e da propia Ruta”. Ambos os dou organismos traballarán “da man” na elaboración dun proxecto de enogastronomía para captar financiación dos fondos Next Generation, co fin de poñer en primeira liña o gran potencial enoturístico da provincia. “Traballaremos nun proxecto que sexa un relato fermoso, cheo de paixón, e no que a Ruta do Viño sexa o corazón”, dixo Carmela Silva, que recibiu o agradecemento da directiva da Ruta “polo compromiso e a vontade de colaboración da Deputación cos sectores que tanto teñen que ver co turismo”. A presidenta provincial tamén avanzou a disposición da Deputación de Pontevedra a dar apoio, colaborar con asesoramento técnico e incluso participar na proposta que ACEVIN, a entidade que aglutina a todas as rutas do viño do estado incluída Rías Baixas, vai presentar á convocatoria de “Experiencias” dos Next Generation.

Arranca a vendimia na finca Castelo de Soutomaior
Vendimia na finca Castelo de Soutomaior

Amais, Deputación e Ruta porán en marcha un canal de colaboración para a promoción da Ruta do Viño Rías Baixas, para visibilizar ao sector “aínda que irá moito máis aló”. Integraría con accións concretas ás adegas, establecementos hostaleiros e comerciais, amais dos 28 concellos das cinco subzonas de cultivo da Denominación de Orixe, é dicir, do  Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ulla, con proxectos de visibilización das produtoras e produtores, e do valor engadido dos elementos ligados ao mundo do viño que engarzan o enoturismo cos Bens de Interese Cultural, o patrimonio etnográfico, a gastronomía, as festas tradicionais, etc. Nos vindeiros días articularase a proposta destinada a reforzar e mellorar o posicionamento de Pontevedra Provincia  como destino do enoturismo e ao fortalecemento do sector da viticultura

“Temos o máximo interese en traballar co sector privado e coas asociacións sabendo que este tipo de proxectos compartidos son moi relevantes para o noso futuro turístico”, dixo a presidenta, que garantiu “un gran esforzo” de cara a conseguir novos recursos para o impulso dun turismo intelixente e sostible, “porque sabemos que son os que nos permitirán fortalecernos e crear a estrutura para o futuro”. “Non hai ningún lugar no mundo cuns valores ligados ao enoturismo comparables a outros destinos, “onde o mar está pegado ás viñas e as paisaxes de interior están tan vinculadas á cultura do viño“. A directiva da Ruta Rías Baixas sinalou a súa “emoción polo apoio da Deputación e vincularon a importancia de ligar o mundo do viño co turismo porque “ofrecemos non só visitas ás adegas e ás viñas, senón emocións únicas e experiencias enriquecedoras porque a provincia de Pontevedra e as Rías Baixas son un tesouro”.

- Publicidade -spot_img