As entidades sen ánimo de lucro poderán recibir axudas de ata 6.000 € para proxectos de intervención e de ata 1.000 € para gasto corrente
A Deputación de Pontevedra publicará nos próximos días as bases que regulan as axudas a entidades sen ánimo de lucro que traballan en proxectos e iniciativas de atención social especializada, ás que destinará unha liña de axudas de 450.000 €.
As bases deste programa establecen que as entidades que traballen a prol dos colectivos máis vulnerables poderán beneficiarse de axudas de ata 6.000 € para o financiamento de iniciativas que realicen para promover a integración destas persoas e favorecer o desenvolvemento normal da súa vida cotiá.
Así mesmo, poderán solicitar achegas de ata 1.000 € para cubrir gastos propios do funcionamento da entidade, entre os que se inclúen os gastos correntes. Esta axuda ten por obxecto facilitar o mantemento de entidades que desempeñan un gran labor social e de apoio a múltiples colectivos coma infancia, adolescencia e xuventude; persoas maiores con dependencia ou risco social; persoas con discapacidade; persoas con problemática social derivada de enfermidades mentais; familias en risco de exclusión social; vítimas de violencia de xénero; drogodependentes ou inmigrantes, entre outros moitos.
No que respecta ós proxectos e iniciativas que se poderán subvencionar inclúense actividades orientadas a promover o desenvolvemento integral (físico, mental, intelectual, sensorial e social) de diferentes colectivos; favorecer a integración social das persoas en risco de exclusión, proporcionándolles medios e recursos para que poidan desenvolver unha vida normalizada no seu contorno habitual; ou atender as necesidades básicas, coma a adquisición de produtos de primeira necesidade, farmacéuticos e doutro tipo, así como servizos imprescindibles para o normal desenvolvemento da vida diaria.



